#QueremosMáisPlanetaFurancho

Desde Galiza Nova unímonos ao movemento de apoio ao Planeta Furancho. Como sabedes a CRTVG quer eliminar do dial o único programa diario dedicado á música galega contemporánea e, dende logo, Galiza Nova amósase en contra da supresión da cultura galega en todos os seus eidos, e a música non vai ser menos.

Aproveitamos para informarvos que este xoves, ás 20:30h no Toural, haberá unha mani-festa-acción a prol do Planeta Furancho.

A continuación, reproducimos íntegramente o artigo do compañeiro Brais para o dixital GZMUSICA.

NECESIDADES PRIMARIAS

Non me lembro do título do filme, sí de que tiña dezaseis anos e fora cos colegas do instituto. O caso é que naquela superproducción americana un taxista que acabaría paseando un asasino en serie pola cidade gardaba sempre unha foto dunha praia para evadirse durante a xornada de traballo, seguramente longa e mal pagada, que tiña que facer día a día. E vos diredes, Brais, para que nos contas este rollo? Todo ao seu tempo, a min parecíame un bo incicio para este artigo.

Fai uns días coñeciamos por unha comunicación nas redes sociais que o Planeta Furancho ía ser retirado da grella radiofónica a causa dunha decisión da CRTVG, que así mesmo llo comunicara á dirección do propio programa. Certificábase así algo que moitas temiamos. A dirección da compañía pública de radio e televisión de todos e todas as galegas tomaba a decisión de deixar as músicas que, de forma profesional ou afeccionada, desenvolvían a súa actividade na nosa lingua, sen o único altofalante do que dispuñan para a súa difusión e, o aínda máis grave, privando as ouvintes de poder escoitar cando menos unha hora ao día de música en lingua galega e poder recibir información a cerca de concertos, lanzamentos discográficos e demais. A decisión tornaba insultante cando ese mesmo día Alfonso Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, salientaba no parlamento galego o bo traballo do ente público en materia de difusióin cultural. Non tardaron en saír voces de todo tipo mostrando o seu fondo rexeitamento cara á decisión, non tardaron en concentrarse diante da propia compañía músicas, ouvintes, persoal técnico, etc. para facer da reivindicación unha festa contra a retirada do programa.

A xente da música galega deu unha rolda de prensa hoxe esixindo a non desaparición do programa.
A xente da música galega deu unha rolda de prensa hoxe esixindo a non desaparición do programa.

A música e as historias que esta conta non son un capricho, son unha necesidade primaria. Estamos no tempo de reclamar o pan, o traballo e o teito. Pois ben, chegou a hora de reclamar a música do noso país e a súa difusión onde así está estipulado pola lei. A forma en que as cancións vehiculan as nosas historias de vida, a forma en que son capaces de proxectarnos, de representarnos e de emocianarnos é unha necesidade antropolóxica que se xustifica pola súa propia existencia. Contra o argumento mil veces repetido de que a cultura e a creación artística son algo innecesario e recreativo xa vai que as antropólogas teñen afirmado que a cultura á un recurso grazas ao que a sociedade ten avanzado ao longo da súa historia, tan necesaia coma o lume ou a pesca, a cultura é unha forma de sobrevivir e, neste país tantas veces agredido, aínda moito máis. Calquera de nós podería contar a súa vida en cancións, son unha forma de memoria que garda momentos bos e malos, pero necesarios para costruírnos como persoas libres. Moitas crecimos co Aberto por Reformas, coa Matraca Perversa dicíndonos que eramos quen de facer a nosa propia historia e algún ademáis recalcamos que non facía falta que a escrebesen outros. Moitos dos momentos que as mozas galegas recordarán dentro duns anos con ledicia, moitas noites no Avante ou en calqueira outro bar, na Candeloria ou nos moitos festivais que enchen cada recuncho do pais ao longo do ano, moitos dos momentos que pasaron xuntas irán ligados ás cancións dalgún grupo galego que alí descubriron, moitas decidimos pasar as tardes bourando nalgún local das Fontiñas cos colegas porque nos queriamos parecer aos Ruxe, aos Diplomáticos, a Nao, a Zenzar, a Lamatumbá ou a Dios Ke Te Crew. E é que para moitas aquilo foi unha saída, unha forma de vencer a rutina da escola ou do traballo, a nosa foto no taxi que nos facía esquecer un mundo moitas veces incomprensiblemente inxusto. E o mellor de todo é que o fixemos na nosa língua, coas nosas historias nas vilas e nas cidades. Fixémolo coa nosa propia voz porque non existía outra maneira, porque aquelas cancións falaban do que coñeciamos e do que tiñamos preto, do que somos.Planeta Furancho 1

Unha necesidade primaria, iso é para min e para moitas máis a volta do Planeta Furancho, do Aberto por reformas, iso é a creación dun espazo televisivo con música ao vivo como foi Onda Curta, iso é que se cumpla o artigo 1 da Lei de Creación da CRTVG que establece o seu compromiso coa difusión, promoción e impulso da lingua galega, así como a difusión da actividade cultural e artística feita na nosa lingua. Porque queremos seguir cantando, contando e ouvindo historias de vida feitas aquí, na nosa língua, dende a nosa realidade. Queremos seguir medrando como xeración Xabarín que somos, pero tamén como xeración Furancho que seremos, queremos seguir tendo un espazo, unha foto como a daquel taxista de Nova York a través da que poidamos esquecer cando menos durante unha hora que o mundo ás veces é idiota. Non é sinxelo, pero conseguirémolo músicas, ouvintes, organizadoras de festivais, técnicas de son e de luces, programadoras culturais e proietarias de bares e salas de concertos.Porque se algo ten a música galega é que nace do popular e ninguén este enriba, detrás, diante ou a carón do escenario deixa de formar parte dela. A primeira batalla será o xoves na praza do Toural, saimos do lixo e imos gañar.

TEXTO: Brais Arroutado Pangalaico

FOTOS: Facebook de Defendamos Planeta Furancho

Texto extraído íntegramente do web: http://www.gzmusica.com/novas/outras-novas/1-novas/722-necesidades-primarias.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *