RACHEMOS CO PATRIARCADO

Hoxe presentamos a nosa campaña para do 25N:

No noso día a día as mozas temos que convivir con moitas violencias nos diferentes eidos das nosas vidas: económicas, físicas, psicolóxicas, obstétricas, laborais, sexuais e incluída a militancia… Recibimos todo tipo de violencias en maior ou menor medida nas nosas vidas cotiás.

É por isto que as mozas de Galiza Nova decidimos neste 25 de novembro baixar do global ao concreto, repensar, analisar e identificar as violencias que sufrimos en cada espazo das nosas vidas, acreditando na autoorganización das mulleres como a ferramenta definitiva para rachar co patriarcado que nos oprime e explota desde crianzas.

Queremos reivindicar a necesidade de tercemos redes de coidado, soporte e debate nas nosas vidas fronte ás violencias que sufrimos e facelo desde a loita feminista. Achamos que entre todas seremos quen de construír alternativas para as nosas vidas, coas que defendernos de todas as violencias que nos atravesan por iso neste 25 de novembro queremos falar de sororidade, de espazos seguros e de organización fronte a todas as violencias das nosas vidas

Con esta campaña, instamos ás mozas galegas a organizarse fronte a todas as violencias das nosas vidas para ser quen de construír alternativas coas que defenderse das violencias que nos atravesan. Ademais, animamos tamén ás mozas a participar nas mobilizacións que se convocarán e a encher as rúas do país nunha data tan sinalada para a loita feminista.