Falar hoxe da sanidade pública galega como se funcionase razoabelmente ben é, como mínimo, un exercicio de optimismo voluntarista. O uso de eufemismos convértese aquí nunha forma de colaboración. O sistema non está nin lixeiramente tensionado, nin con certas dificultades, nin en proceso de mellora. Está COLAPSADO. Quen o nega, faino desde un despacho e non desde unha sala de espera.
O diagnóstico clínico é perfectamente recoñecíbel: unhas listas de espera que se alongan durante meses, unha atención primaria incapaz de absorber a demanda e uns servicios de urxencias saturados que funcionan como parche permanente dun sistema ao cal sacaron recursos de forma deliberada. Negar este estado crítico non só é irresponsábel, é formar parte do problema. A sanidade pública galega xa entrou en coidados intensivos e precisa de reanimación asistida para non caer nun deterioro irreversíbel.
A sanidade pública foi e é un dos principais piares do estado de benestar, desde aquela primeira Lei de Sanidade de 1855 até a consolidación dun sistema universal, demostrou que garantir o dereito á saúde non só non afundiu a economía, como ás veces pretenden facernos crer de forma interesada, senón que a fixo máis xusta e máis eficiente. Na Galiza, porén, ese modelo leva anos perdendo pulso a través dun proceso de desmantelamento, executado con especial aleivosía polos gobernos do PPdeG.
Os datos oficiais avalan esta información. En 2021, Galiza dispuña de 3,32 camas hospitalarias por cada 1000 habitantes, en 2023, a cifra baixou até 2,7. O que se traduce en menos camas para unha poboación máis envellecida e dispersa. A ecuación non é complexa, mais as súas consecuencias si: temos hospitais permanentemente colapsados ou ao borde do colapso, ingresos atrasados e corredores convertidos en improvisadas salas de atención sanitaria. Todo isto en canto se fai propaganda con que o orzamento sanitario per capita medra con respecto a anos anteriores, mais o foco da problemática non está no canto, senón máis ben en como se inviste.
A esta situación hospitalaria súmase o desbordamento da atención primaria. O que debería ser o corazón do sistema sanitario desángrase cunha media de 0,83 profesionais sanitarios por cada 1000 habitantes. Unha cifra que non só é insuficiente, senón que, ademais, oculta desigualdades profundas, xa que a concentración do persoal nas áreas urbanas deixa o rural con déficits crónicos que converten cada consulta nun exercicio de resistencia. Neste país, cunha poboación tan envellecida e cun territorio coas súas características peculiares de dispersión, este ratio tradúcese á realidade diaria como axendas saturadas, consultas de cinco minutos e imposibilidade práctica de facer medicina preventiva e comunitaria.
Cando a atención primaria falla, todo o sistema cae en cascada, e faino sobre todo no servizo de urxencias, que actúa como unha válvula de escape dun sistema que non chega a tempo. Segundo o Barómetro Sanitario do CIS, 20,8 % da poboación galega espera máis de 11 días para unha cita en atención primaria, deste 20,8 % unha porcentaxe elevada refire que, ao non obter vez, acabaron indo a urxencias e outra porcentaxe igual de elevada simplemente deixou pasar o problema. O resultado é coñecido: colapso en urxencias, atención en corredores e, nos casos máis extremos, persoas que falecen sen chegar a ser atendidas. Unha realidade incómoda que non encaixa ben nos discursos triunfalistas da Xunta.
As listas de espera son o síntoma máis evidente, mais tamén máis perverso e grave deste desmantelamento, xa que unha lista de espera non é só un instrumento de ordenación de demanda: representan un risco para a saúde, unha proba máis do mal funcionamento do sistema e, na Galiza, ademais, funcionan como unha ferramenta perfecta para favorecer a privatización. Así, a demora convértese nun mecanismo de selección por renda. Quen ten cartos, pasa por caixa; quen non, agarda. E quen espera demasiado, empeora.
Na atención especializada, as listas son hoxe peores que antes da COVID-19 incumprindo as promesas da Xunta. O tempo medio de espera en cirurxía aumentou até os 76,6 días, unha cifra xa de por si inaceptábel. Mais, nin sequera é realista porque se lle sumamos os tempos de espera para ser atendido en primaria, para unha primeira consulta hospitalaria, para probas diagnósticas e, finalmente, para a cirurxía, a demora total achégase aos 200 días. 200 días de media para unha persoa que precisa unha intervención cirúrxica. Isto vulnera abertamente a Lei de garantías de tempos de espera, que fixa un máxima de 60 días para cirurxía e de 45 para consultas e probas.
A resposta da Consellería de Sanidade ante esta situación roza o sarcasmo, ofrecer operar noutra área sanitaria as persoas que levan máis de 180 días en lista de espera. Un paciente de Lugo a quen se lle ofreza operarse en Vigo terá que asumir 380 km de desprazamento, máis de dúas horas en coche e portaxes. A sanidade pública segue sendo universal, ao parecer, sempre que se dispoña de cartos, coche e tempo.
En canto esta é a realidade da sanidade pública, increméntanse os fondos destinados á sanidade privada. Non é casualidade, cando a pública se debilita, a privada medra. Non estamos ante unha deriva inevitábel, senón ante unha decisión política consciente. E, como toda decisión política, pode e debe ser revertida.
A defensa da sanidade pública galega non é unha cuestión técnica nin un debate abstracto, é unha cuestión de dereitos, de igualdade e de dignidade colectiva. O que está en xogo é se aceptamos vivir nun país onde a saúde dependa da renda, do código postal ou da capacidade de desprazarnos centos de quilómetros ou se, pola contra, reivindicamos un sistema público forte, accesíbel é verdadeiramente universal.
