Co fin de promover o emprego oral e escrito da lingua galega e, en concreto, de fomentar a creación na lingua propia do noso país, pomos en marcha o certame de relato curto “Rebélate, escribe en galego”. Consideramos escribir e crear cultura en galego un acto de rebeldía, dadas as trabas e inxustizas que día a día temos que superar as persoas que decidimos expresarnos con naturalidade na nosa lingua.
Animámoste a participar deste certame enviándonos o teu relato, de temática libre, escrito en galego. O relato gañador está premiado cunha fin de semana para dúas persoas na casa rural de Vilaframil (Ribadeo). Ademais, a obra gañadora e máis a finalista serán publicadas no semanario Sermos Galiza.
O prazo para entregar o teu relato remata o 10 de setembro de 2017, e a entrega de premios terá lugar o 22 de setembro en Pontevedra.
Consulta as bases:
- Poderá concorrer ao certame calquera persoa menor de 30 anos.
- Cada persoa poderá presentar un ou varios relatos, até un máximo de tres relatos por autoría.
- Todas as obras deben ser escritas en lingua galega.
- A obra gañadora e máis a finalista serán publicadas no semanario Sermos Galiza.
- O relato gañador está premiado cunha fin de semana para dúas persoas na casa rural Benito de Vilaframil (Ribadeo), nunha data a convir co estabelecemento.
- As obras aspirantes terán unha extensión máxima de 500 palabras, serán inéditas na súa totalidade e non premiadas noutros concursos. A temática será libre.
- As obras deben presentarse en formato pdf e baixo pseudónimo. Noutro documento figurarán os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos da persoa autora da obra; idade, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
- Os traballos deberanse enviar por correo electrónico a nacional@galizanova.gal, indicando no asunto: Certame de relato curto. Prazo de envío: até o 10 de setembro de 2017.
- Resolución do premiado: Un xurado composto por escritoras en lingua galega e persoas do ámbito da cultura elixirá o relato gañador. Dito relato gañador coñecerase o 22 de setembro en Pontevedra, nunha grande festa – concerto organizada por Galiza Nova en defensa da lingua.
– Galiza Nova presupón que as persoas concursantes son autoras dos relatos que presentan, e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.
– Galiza Nova poderá difundir os relatos a concurso a través da web e redes sociais e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.
– Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas Bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que Galiza Nova estimar oportuno.
– O xurado non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos por Galiza Nova. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.