REBÉLATE, FALA FALEGO

O pasado 6 de abril Galiza Nova presentou a nova campaña nacional de lingua nunha rolda de prensa. Constantemente intentan convencernos de que a nosa lingua é de segunda. “El gallego no vale para nada!” é algo que acostumamos escoitar habitualmente. Nada máis falso ca iso.

O galego non remata no Courel. Hai múltiples lugares do mundo no que podemos comunicarnos falando en galego: Portugal, Brasil, Angola, Mozambique… Son máis de 300 millóns de persoas as que conforman a comunidade lingüística da lusofonía, o que nos dá inmensas vantaxes e posibilidades no contexto internacional. Por moito que nos intenten convencer de que sen o inglés ou o español non imos a ningún lado, co galego podemos achegarnos a nacións e culturas diversas.

O galego é sinónimo de cultura. Nun panorama dominado polos medios de comunicación de masas, facer cultura en galego é un acto de rebeldía. Filmes en galego que logran superar a superproducións de Hollywood, bandas de música que tocan en importantes festivais, escritoras que traspasan as nosas fronteiras… Temos exemplos a esgalla da enorme riqueza cultural que posúe o noso país, de xente que nunca renunciou á nosa lingua a pesar das dificultades e conseguiu posicionarse na primeira liña do panorama artístico.

Pese a isto a nosa lingua está a vivir un tempo escuro. A lexislación española apoiada polas políticas da Xunta do Partido Popular busca eliminar todos os nosos sinais de identidade e arrasar cos trazos que nos diferencian como nación. Na Galiza non temos garantidos os nosos dereitos lingüísticos a pesar de que hai sectores que teiman en falar dunha suposta imposición do galego. Son moi abundantes os casos nos que non temos acceso a exames en galego, no que temos que recorrer ao castelán para axilizar trámites administrativos, ou nos que temos que renunciar á nosa lingua para conseguir un emprego.

Mais non hai maior acto de rebeldía que falar en galego sempre. Nas aulas, nos postos de traballo, coa familia, coas amizades. É o único xeito de garantir a supervivencia do noso idioma. Fronte a un sistema que busca eliminar os nosos trazos distintivos:

Rebélate, fala galego!