Moncho Reboiras foi un desprezábel terrorista e Manuel Fraga un demócrata exemplar. Eis a síntese da memoria oficialista na Galiza, a doutrina divina de Paula Prado e o seu contubernio de aprendices a ditadores.
A memoria é unha trincheira. A campaña de difamación e acoso contra a figura de Moncho Reboiras é proba evidente. Se o fan é porque lles cómpre, e se lles cómpre é porque saben ben que a memoria hai que desputala. Reboiras é perigoso despois de morto: terrorista, si, pero só na medida en que perder o control dos símbolos e da memoria oficial é fonte de certo terror para a nosa camarilla gobernante.
Paula, de que tes medo? De que a xente vexa que os mortos de 1936 e 75 defendían os dereitos nacionais da Galiza? Ou aínda peor: de que coñezan que detrás das armas estaban, dun xeito ou doutro, os vosos padres fundadores? Así ben se entende o pánico: non é pouco o que tendes para perder.
Cada proxecto político e as clases que o sustentan teñen un proxecto de memoria. O deles é a negación do conflito. Aquí non pasou nada. Nunca nada. Quen dixer o contrario é culpado de atentar contra a paz e concordia pública. O noso é ben distinto: temos memoria e dignidade para quen defendeu, ás veces coa vida, a dignidade e a emancipación das clases populares galegas.
Da xeración de Antolín Faraldo a Moncho Reboiras, case dous séculos de empeño na defensa da independencia nacional. A construción dunha historiografía e dunha mitoloxía propia que sirva para a creación de consciencia e a recuperación da autoestima colectiva é unha condición necesaria para a liberación nacional de Galiza.
No camiño, debemos desputar cada símbolo e avanzar con todas as ferramentas ao noso dispor: na rúa e nas institucións. Hoxe, nos concellos, retirando a nomenclatura españolista das rúas; mañá, no Goberno galego, avanzando nun proxecto político de memoria popular e nacional que tinga o espazo público, que chegue ás escolas, e que devolva o orgullo ás clases populares galegas. Abrir e desbravar un camiño que só poderemos andar plenamente cun Estado de noso. As e os nacionalistas debemos ter claro que esta é unha tarefa central, mais tamén de que os nosos inimigos políticos non farán ningunha concesión sen pelexala.
Nós, como mocidade nacionalista, debemos hoxe difundir entre a xuventude os símbolos da nosa memoria. O mural, a pintada e o cartaz son as armas de quen non ten ao seu servizo xornais poderosos. Empreguémolas. Alcemos e convirtamos en xigante a imaxe de Reboiras. Deslexitimemos e derrubemos tamén os símbolos do inimigo: Manuel Fraga, lixo franquista, fóra de todos os rueiros, de todas as prazas.
En definitiva, en Galiza, a construción da autoestima colectiva é tarefa prioritaria. Elaborarmos e defendermos unha memoria de noso, que pertenza ás clases populares, para o seu orgullo e dignidade, é unha das manifestacións concretas da loita polo recoñecemento nacional.
