O recendo dos cravos ao sur do Miño. Artigo Rubén Novo

Rubén Novo

A Galiza e Portugal partillan máis que unha fronteira, entre outras cousas, unha raíz lingüística, trazos culturais e unha historia de séculos unidos. Cando os cravos rosearon nos fusís dos soldados portugueses do MFA, fartos das consecuencias da guerra colonial e da ditadura, na Galiza —aínda baixo a bota do franquismo— o recendo de liberdade respirouse como propio.

É por isto que cada vez que o calendario sinala o 25 de abril, na Galiza é imposíbel non mirar para o sur, non deixar que a mente viaxe a través da raia, alén do Miño, para lembrarmos a madrugada de 1974 en que a Rádio Renascença fixo soar o Grândola, Vila Morena, censurado anos atrás polo réxime salazarista e convertida no himno da revolución que trouxo a democracia a Portugal, así como doutras loitas do antifascismo que chegaron despois. Neste sentido, a Revolución dos Cravos non foi allea: foi —e segue a ser— unha lección política dos nosos irmáns do sur. Para nós, simboliza o triunfo da vontade popular fronte ao autoritarismo.

Porén, co paso dos anos, o 25 de abril tamén se converteu no recordatorio das nosas propias tarefas pendentes. Isto é, un proceso de ruptura democrática que no Estado español, e por extensión na Galiza, nos foi negado.

A pesar de que a democracia que se instalou en Portugal teña os trazos e límites propios de calquera democracia capitalista, aínda que con conquistas sociais impensábeis sen a incidencia da esquerda revolucionaria no proceso, na súa orixe está unha ruptura coa ditadura que dá ao sistema unhas características propias. A implantación da democracia estivo nas mans dun goberno provisional formado pola oposición, mentres que no Estado español a dirección do proceso estivo en mans dos herdeiros da ditadura. As estruturas do Estado franquista recicláronse, a monarquía restaurouse por designio do ditador, e impúxose un modelo territorial autonómico deseñado para diluír as aspiracións nacionais da Galiza, Euskal Herria e Catalunya, deixando todo «atado y bien atado». Así pois, a Galiza ficou atada a un réxime que, até o día de hoxe, nega a súa soberanía e o dereito a decidir por si propia o seu futuro.

Outro eixo da revolución foi a fin da guerra imperialista nas colonias portuguesas, coa consecución da independencia destas entre 1974 e 1975, pondo fin a unha crise social que se traduciu na morte de mozas inocentes e a emigración de miles de persoas. Desde hai séculos, a Galiza padece un colonialismo interior que a converte en exportadora de materias primas e enerxía por medio de dinámicas extractivistas e, o peor, de mocidade, forzando xeracións á emigración. Non podemos esquecer que a liberación nacional e a liberación social son dúas caras da mesma moeda e que non haberá democracia neste país se non somos donos dos nosos recursos e do noso destino. Mais isto vai máis alá e conecta co escenario xeopolítico que estamos a vivir.

Tanto é así que cando o Estado español nos arrastra a dinámicas militaristas e ao aumento do gasto en Defensa imposto pola OTAN fica claro que as súas guerras supoñen a nosa precariedade. Carecer de soberanía política significa que, desde gabinetes en Madrid, Bruxelas ou Washington, se decide a submisión da Galiza a estratexias imperialistas que nada teñen a ver cos intereses do noso pobo e da nosa clase.

En definitiva, a Revolución dos Cravos ensinounos que a organización popular é o único motor de mudanza real. Hoxe, cando o centralismo e a reacción volven estar máis vivos que nunca, a memoria daqueles cravos vermellos exíxenos manter vivo o lume na reivindicación dunha Galiza soberana e dona de si.

O 25 de abril, o pobo portugués demostrou que o povo é quem mais ordena. Na Galiza, a nosa loita aínda aspira a que, como dixo Castelao: «troquemos os anceios en realidades». Onte, como hoxe: fascismo, nunca máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *