Palestina: recoñecemento, xenocidio e fracaso do dereito internacional. Artigo Pilar Vázquez

Pilar Vázquez

Estes últimos meses estase falando moito do recoñecemento do Estado Palestino, así como de se o termo correcto para referirse ao que o Estado de Israel está cometendo en Gaza é un xenocidio ou non. En Galiza Nova tivémolo claro desde o primeiro momento, chamamos as cousas polo seu nome e iniciamos debates nos seos das organizacións das que formamos parte pedindo unha condena firme polo xenocidio que estaba tendo lugar en Gaza. Fixémolo desde o primeiro momento e, sobre todo, tendo en conta a historia do conflito, que non se remonta soamente ao 7 de outubro.

Dito isto e voltando ao comezo, cabe analizar que supón que agora —dous anos despois— moitos gobernos occidentais comecen a recoñecer Palestina como Estado soberano ou que mesmo se animen a falar de xenocidio. Tendo en conta o bombo que lle deron nesta última Asemblea das Nacións Unidas en setembro, parecería que o fin do masacre que estamos vendo en prime time estivese garantido con estes novos recoñecementos. O certo é que, por desgraza, é algo simbólico. Unha casa non se comeza polo tellado e en dereito internacional ocorre o mesmo. A conformación dun Estado soberano, segundo a definición que fai o Instituto para o Dereito Internacional comporta: poboación, territorio, organización política e soberanía. Visto isto, que Estado están garantindo en Palestina? Teñen decidido desde as organizacións internacionais que territorio o conformará? Están en disposición de crear e garantir o funcionamento de institucións cando neste territorio non teñen acceso a bens básicos nin entra axuda humanitaria? E se falamos de poboación, en que situación física e mental se encontra? Como vedes, recoñecer un Estado debería supor algo máis que unha mera acción declarativa, debería vir acompañada dunha serie de propostas encamiñadas a favorecer a dita creación e garantir a súa implementación.

En canto a se o Estado de Israel e os seus responsábeis están cometendo un xenocidio sobre a poboación palestina, cómpre revisar o que di a Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio do ano 1948. Se unha le o seu artigo II onde se tipifica o xenocidio, poderá observar o sinxelo que é recoñecer calquera dos actos que se mencionan: matanza de membros do grupo, lesión grave á integridade física ou mental dos membros do grupo, sometemento intencional do grupo a condicións de existencia que supoñan a súa destrución física, total ou parcial, medidas destinadas a impedir os nacementos no seno do grupo e o traslado pola forza de nenos do grupo a outro grupo. Como vedes, non fai falla esperar a que a Corte Penal Internacional ou a Corte Internacional de Xustiza se posicione para ver o que é, un xenocidio, por moito que representantes e voceiras do Partido Popular insistan nesta idea.

Así pois, chegamos á encrucillada de competencias sobre o delito de xenocidio. Para isto, primeiro ten que quedarnos claro que existen dous tribunais principais que resolven sobre dereito internacional: a Corte Internacional de Xustiza e a Corte Penal Internacional. A primeira é o principal órgano xudicial das Nacións Unidas e resolve contenciosos entre Estados sobre asuntos especialmente previstos na Carta das Nacións Unidas e a segunda é unha corte permanente que pode exercer a súa xurisdición sobre as persoas que cometesen os crimes internacionais máis graves como son o xenocidio, crimes de guerra, contra a humanidade ou de lesións. A condena de xenocidio é individual aos responsábeis do Estado infractor —véxase Netanyahu e membros do seu goberno— e para que a Corte Penal Internacional actúe, danse tres vías: que un Estado remita unha situación en que puidese terse cometido un ou varios crimes, que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas remita ao Fiscal unha destas situacións ou que o Fiscal comece unha investigación. O Estado de Israel non recoñece a autoridade desta corte mais poderíase xulgar igualmente porque o crime de xenocidio estase cometendo en territorio dun Estado observador do Estatuto de Roma que é Palestina, membro recoñecido desde o ano 2015.

Até este verán, só movementos globais e ONG como Amnistía Internacional ou Human Rights Watch tiñan acusado o estado israelí de cometer xenocidio. Mais a mediados de setembro, unha comisión independente nomeada polas Nacións Unidas fixo pública unha avaliación na mesma liña afirmando que as autoridades e forzas israelís cometeron catro dos cinco actos xenocidas, insistindo en que os acontecementos en Gaza non se produciron nin se producen de xeito illado, senón precedidos por décadas de ocupación ilegal e represión. Se agora miramos para as cortes antes mencionadas, só encontraremos a denuncia interposta por Suráfrica —estado membro das Nacións Unidas— contra Israel por xenocidio, incluíndo medidas provisionais, a que a Corte resolveu ordenando Israel a tomar medidas para previr un xenocidio en Gaza. A Corte Penal Internacional pola súa banda ten emitido ordes de arresto internacional contra Benjamin Netanyahu ou o seu ministro de defensa por crimes de guerra que tamén se estenderon a líderes de Hamás.

Como vedes, máis alá das recomendacións feitas a Israel para previr o xenocidio e as condenas por crimes de guerra, ningún paso se ten dado para xulgar os responsábeis do xenocidio que o pobo palestino leva sufrindo desde hai décadas e, máis recentemente e de xeito máis intensivo, desde hai xusto dous anos. As Nacións Unidas e o seu Consello de Seguridade manteñen dinámicas obsoletas e que xa non se axustan á realidade mundial, ancorándose a un pasado de potencias vencedoras da Segunda Guerra Mundial, ignorando a existencia de países do sur mundial que representan unha gran porcentaxe da poboación. A situación en Palestina revélase desoladora co dereito de veto que os Estados Unidos exercen nas Nacións Unidas como membro permanente e como fiel aliado do goberno sionista. Non só exerce o veto, senón que tamén aplica a súa política de incerteza sobre este conflito dicindo un mes unha cousa e ao outro, outra ben distinta, mesmo facendo propostas de paz que en ningún caso suporían a creación dun Estado palestino e autorizando o primeiro ministro israelí a «rematar o traballo» se Hamás non acepta a imposición estadounidense.

Para falar do recoñecemento dun Estado palestino, primeiro temos que garantir uns mínimos sobre o territorio e lograr que se cumpra o dereito internacional e, por iso, como mocidade internacionalista que somos, é o noso labor seguir facendo presión sobre os nosos gobernos para obrigalos a dar pasos cara a creación efectiva dese estado. Pasos que, como puidemos ver co asalto á flotilla, incomodan moito o goberno español, que cada vez que ten que actuar no lugar de falar, queda moi lonxe do que se lle exixe desde a sociedade galega e do Estado español, na súa maioría concienciada sobre o que acontece en Gaza. É un clamor social que se estende cada vez máis por todo o mundo, mesmo por Europa e que desde esta organización xuvenil defendemos desde o primeiro momento.

Nin un paso atrás na defensa dos dereitos humanos, nin un paso atrás na defensa dos dereitos dos pobos a existir!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *