Recuperando a nosa memoria

019Con motivo do aniversario do asasinato a mans dos fascistas de Pedro Galán Calvete, quen fora Secretario de Organización das Mocidades Galeguistas na Coruña, reproducimos a continuación o artigo de Alberte Mera García, Secretario Xeral de Galiza Nova, editado na publicación editada por Galiza Nova e o BNG da Coruña en 2013 para homenaxear a Pedro Galán e divulgar a súa figura. 

A indución da amnesia colectiva é a arma coa que os españolistas pretenden conter a propagación da conciencia nacional e as ideas liberadoras nos pobos que coma o noso, padecen a dominación política, a dependencia económica e a suplantación lingüística e cultural.

Esa desmemoria que inoculan, con maior énfase nas mozas e mozos, permíteos perpetuarse aferrados ao poder desde hai séculos. E é por iso, que para reaxermos fronte á dominación, é principal a recuperación da nosa memoria histórica e reivindicarmos ás máis de tres mil persoas mortas e desaparecidas na Galiza e ás e aos milleiros de represaliados a mans do fascismo. Por esa razón, que cada ano as mozas e mozos de Galiza Nova lembramos a Pedro Galán Calvete, pois se o fusilamento de Bóveda é o símbolo da condena de morte a todo o pobo galego no 17 de agosto de 1936, o fusilamento de Galán é a mordaza ás arelas emerxentes de liberdade plena de milleiros de mozas e mozos na Galiza dos anos 30.

Recuperarmos a memoria é fundamental para derrubar os falsos mitos cos que o españolismo terxiversa a nosa historia

Recuperarmos a memoria é fundamental para derrubar os falsos mitos cos que o españolismo terxiversa a nosa historia. Galiza non foi adepta ao bando fascista como nos ensinan, senón que no noso País se opuxo resistencia, e foi por iso polo que os primeiros fusilamentos e represalias se produciron na Galiza. Tamén resistiu a mocidade, aquela que traballara coas súas máis fortes enerxías a prol do estatuto do 36 que supuña un marco de liberdade no camiño cara a unha Galiza soberana.

Pedro Galán Calvete foi un deses mozos, que coma hoxe nós, tomou conciencia de pertencer a unha nación cuxa soberanía foi e é negada por unha España centralista e autoritaria, e decidiu organizarse para a conquista das melloras colectivas e dotar a Galiza de autogoberno pleno. Mais a vida e militancia de Pedro foi tan intensa como tristemente breve. Con só dezanove anos foi paseado polos fascistas.

Sabían ben os fascistas que se unha xeración de galegas e galegos medrase nunha Galiza ceibe, xa non habería volta ás cadeas de Madrid

Foron por el, porque este mozo era engranaxe fundamental na organización das Mocidades Galeguistas e do propio Partido Galeguista. Foron por el, porque se un mozo de dezanove anos era alicerce dunha mocidade cada vez máis consciente e organizada, que non podería continuar facendo? Sabían ben os fascistas que se unha xeración de galegas e galegos medrase nunha Galiza ceibe, xa non habería volta ás cadeas de Madrid. E é por iso que o sangue da mocidade tristemente correu polas cunetas da Galiza durante os longos anos de temor e sufrimento.

Lembrarmos a Galán para non esquecer, porque aínda non se fixo xustiza e fica pendente a reparación das vítimas, a anulación dos xuízos fascistas polos que a día de hoxe, moitas galegas e moitos galegos asasinados por defenderen a Galiza e a democracia, continúan a figurar na administración coma criminais e traidores. Porque fica pendente ter un lugar onde lembrar aos nosos familiares, moitos deles aínda acinados en fosas comúns. E porque nin no estado nin noso País condenou o franquismo quen nunca o condenou, eses que con fachenda xustifican os crimes da ditadura e exaltan a exhibición de simboloxía fascista que practican as súas nuevas generaciones.

coma nos anos 30, nada podemos agardar de Madrid nin nada podemos conseguir indo da súa man, máis que fame e miseria

E cando isto ocorre, e nos últimos tempos con maior virulencia, outórgannos unha vez máis a razón a quen dicimos que aquí nada mudou, cun Rei colocado por Franco e cos seus herdeiros, os da aguia reconvertidos en gaivota, dirixíndonos á miseria e á submisión. Pois se algo de calado mudara, estas palabras de Pedro Galán non continuarían sendo un espello da realidade que vivimos: “Son eles os que falan da <España justa>. Eles con diversos nomes, pero co mesmo espírito, gobernaron España durante séculos. Son eles, si! Os mesmos que abafaron en salaios de sangue todos os movementos emancipadores do explotado. Os mesmos que de cote negaron as máis elementais melloras sociais. Os eternos representantes da xustiza, brandando pola España justa” (A Hespaña d’eles, ANT nº380).

‘Si esa é España, nos somos arredistas!”

Tal e como nos deixou Pedro Galán escrito n’A Nosa Terra, ben sabemos cal é a xustiza española, a dos que sempre nos gobernaron e someteron, a que nos criminaliza cando nos rebelamos e clamamos verdadeira xustiza.

Por iso que coma nos anos 30, nada podemos agardar de Madrid nin nada podemos conseguir indo da súa man, máis que fame e miseria. E a eses impositores, nós lle dicimos, como lles dixo Pedro Galán, ‘Si esa é España, nos somos arredistas!’. Alberte Mera García