Seguro que moitas de vós tedes que facer un exercicio de reflexión para lembrar cando foi a última vez que vistes o Chiringuito de Ribadiso aberto, non si? Durante un tempo non se puido desenvolver ningunha actividade, mais no ano 2019 o bar abriu tarde e arrastro, perdendo así case a totalidade da tempada estival. Xa nos anticipamos á Covid-19 e á Guerra de Ucraína!
Dende Galiza Nova Arzúa, organización xuvenil do BNG, denunciamos a situación actual da Área Recreativa de Ribadiso co bar pechado e sen ofrecer unha alternativa de ocio saudábel e de calidade. Reclamamos unhas instalacións básicas e a garantía de aprobar un proxecto que dignifique o enclave natural. Con isto, esiximos a reapertura do chiringuito para a veciñanza e para os turistas que se achegan á nosa vila.
As pistas de fútbol e baloncesto están totalmente abandonadas, precisan dunha renovación. Propoñemos unha modernización das mesmas, podendo acoller máis modalidades deportivas. Sería unha realidade, sempre que exista un compromiso dende o concello coa mocidade, onde dispoñamos de ferramentas e poidamos aportar ideas, para que se nos escoite e se nos poña en valor.
Non vemos un despropósito contar cunha variada axenda cultural: música, representacións teatrais, monólogos, todo tipo de exposicións, contacontos, xogos para os máis cativos etc. Tamén analizar a posibilidade de desestacionalizalo con outros usos para que asociacións culturais fagan un aproveitamento continuo da zona, e así, precisamente, a cultura sexa unha ferramenta de convivencia interxeracional para completar a construción dun pobo e unha estratexia de crecemento social e persoal.
Domingos de romarías como a Festa do Carme, os Botes, San Cristóbal…; comidas de fin de curso co colexio, cas túas compañeiras, aniversarios, co equipo de fútbol, piscina ou baloncesto entre outros; así como as fotos da primeira comuñón ou da voda, comparten un espazo que flúe na identidade e sentido de ser de toda arzuá.
Envexamos a concellos veciños que desfrutan das súas áreas recreativas como a de Furelos en Melide, a de Brocos en Agolada ou a Cornella en Santiso; ou no exemplo de Allariz, que desfruta dun personaxe, que ademais, leva unha referencia estrita á nosa vila, o Xan de Arzúa!
A súa coñecida revolta do 89 saíu da forza do río Arnoia, onde nos amosan o seu modelo chave e que non esconde ningún segredo para Arzúa:
“No proxecto global de revitalización, o Concello de Allariz otorgoulle unha importancia transcedental á captación de novos veciños. Inverter a tendencia demográfica de avellentamento e, como tal, de esmorecemento, estaba na base de todas as iniciativas e era, ao cabo, a meta decisiva. Recuperar o patrimonio e reanimar a natureza, si, para pero os cidadáns.
Tradicionalmente achacouse á proximidade con Ourense cidade o decaemento comercial de Allariz ou até a perda de habitantes, que marchaban atraídos pola comodidade de vivir máis preto do centro de traballo. (…). O goberno municipal empezou a traballar con outra premisa: se Ourense está tan próximo, ben podería converterse Allariz nunha opción para os que buscan un novo estilo de vida, coas vantaxes e servizos da cidade pero sen os seus inconvintes. Só era facer de Allariz, non unha vila dormitorio, senon un lugar atractivo. E para iso estaban o patrimonio, a natureza… e a xestión política”.
Para poñelo en funcionamento só confiamos na capacidade do concello para publicar e aprobar a tempo a licitación do Chiringuito que incentive a presentación de propostas acordes e coherentes coas especifidades da paraxe.
Porque Ribadiso é un lugar dos que fai pobo!