Apoiamos o referendo de Erguer sobre a LOMCE

O vindeiro 20 de outubro, Erguer.Estudantes da Galiza realizará unha xornada de loita contra a LOMCE para amosar que o estudantado galego rexeita con rotundidade esta Lei imposta polo Partido Popular sen contar coa opinión da comunidade educativa galega. O alumnado xa demostrou en multitudinarias folgas que se opón á LOMCE, e o estudantado nacionalista organizado quere amosar ese rexeitamento á Xunta a través dun referendo no que as estudantes poderán votar se están ou non a favor da aplicación desta lei.

Desde Galiza Nova queremos facer público o noso apoio a esta actividade impulsada pola organización do estudantado galego, Erguer, porque tamén cremos que é necesario que as que sofren esta lei antigalega teñan a posibilidade de decidir antes se a queren ou non, e desta maneira, fomentar a democracia dentro do ensino.
É unha lei lesiva en todos os aspectos para o noso país. Reduce as horas do galego como lingua vehicular do ensino, procurando a españolización do alumnado galego. Implica que a relixión compute para a media, facendo que en moitos casos as estudantes non teñan outra alternativa que escoller esta materia. Ademais, instaura as reválidas, unhas probas antipedagóxicas que son o que, malia aprobar varios cursos, rematarán determinando se obtemos o título de cada etapa educativa.

A xornada de referendo deste xoves ten que servir para dicir con máis contundencia que na Galiza as alumnas rexeitan esta lei, e desde Galiza Nova agardamos que teña a máxima participación e que a loita que xa vén desde hai anos culmine cun NON nas urnas por parte do estudantado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *