Esta semana veñen de facerse 40 anos do referendo sobre a permanencia do Estado español na OTAN. Un plebiscito que marcou fondamente a sociedade da época, cunha ampla mobilización social. Un proceso que, para moitos na xeración que viviu o final do Franquismo, supuxo o primeiro gran desencanto coa socialdemocracia española. Imos ver, brevemente como discorreu a súa realización e que supuxo a longo prazo este referendo.
A campaña previa ao referendo veu marcado polo cambio de postura do goberno do PSOE, que, estando na oposición, se opuxera á entrada na OTAN en 1982, pero, durante a campaña do referendo, fixo propaganda aprol do “si”. Un cambio que desencanta a boa parte dos seus votantes e mesmo a algúns dos seus dirixentes, como o ministro de exteriores, Fernando Morán, que dimite en 1985. Porén, isto non impediu que o goberno se implicase a fondo na campaña, aproveitando ao máximo a popularidade coa que inda contaba naquela altura o presidente Felipe González, cultivada a base de proxectar unha imaxe moi calculada de “home do pobo” enfundado en chaquetas de pana proletaria que, en realidade, se correspondía ben pouco coas súas orixes familiares burguesas. A implicación do goberno na campaña foi tal que a propia papeleta de votación ía encabezada polo texto “el Gobierno considera conveniente, para los intereses nacionales, que España permanezca en la Alianza Atlántica”, antes de preguntar ao votante a súa opinión.
Por outra banda, a campaña polo “non”, vai recaer fundamentalmente na esquerda e nos nacionalismos das nacións sen estado. E vai ser nestas nas que o goberno tire os seus peores resultados. Mentres tanto, a Alianza Popular, dirixida por Manuel Fraga naquela altura, chama a boicotear o plebiscito. Non por oporse á entrada na OTAN, senón para dificultar a estabilidade do goberno. Unha posición curtopracista que desagradou ás súas propias bases e que, en parte, rematou coa súa carreira política a nivel estatal.
Con todo, o carisma de Gonzalez, xunto ao apoio da meirande parte do poder económico e mediático e o pánico da sociedade á inestabilidade política que creara o inda recente 23F, vanlle dar a vitoria ao “si” a nivel estatal. Pero cun apoio de apenas un 56,85% que amosou o dividida que estaba a sociedade. En Euskal Herria e Cataluña, pola contra, gaña o “non”, mentres que na Galiza, malia a gañar o “si”, o fai cunha participación de apenas o 38% do censo, fronte ao case 60% no estado. Unha situación que, en boa medida, ecoa o que xa acontecera cos referendos da Constitución e o Estatuto de Autonomía.
No seu momento o resultado, malia ao axustado dos números, foi visto como unha vitoria inequívoca de González. Para os defensores do “si”, supuxo un paso máis na normalización do inda nacente réxime do 78 e na súa homologación co resto de democracias burguesas europeas. Malia a que, na práctica, a presencia na OTAN non significase en absoluto unha garantía de democarcia, como demostrara a admisión do Portugal salazarista, nin unha salvagarda fronte aos golpes de estado militares, como o de Grecia en 1967 ou os de Turquía en 1060, 1971, 1980 e 1997, tolerados, cando non directamente organizados, polo mando da OTAN. Por outra banda, para a burguesía española supuxo a eliminación dunha das maiores barreiras para a entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea, que as elites económicas levaban desexando xa dende os 60. Finalmente, para o imperialismo estadounidense, supuxo a proba definitiva da sumisión da socialdemocracia española, que renunciaba a calquera posibilidade de ter unha liña política propia en materia internacional. Feito que se verificará no seguidismo español ás intervencións estadounidenses en Iraq e na Iugoslavia.
A aceptación da OTAN por parte de González, xunto coa elección de Soares en Portugal no 76 e a viraxe de postura encol da OTAN de Papandréu en Grecia no 81, veu a confirmar que a nacente socialdemocracia do sur de Europa, igual que os seus homólogos do norte do continente, tiña moi pouca vontade de distanciarse do seguidismo do imperialismo americano das dictaduras ás que viñan de reemplazar en Portugal, Grecia e no Estado español. Malia ao que nun comezo prometeran González ou Papandréu aos seus votantes. Pois o certo é que no caso español foi a ditadura franquista a que colocou o Estado español na órbita estadounidense cos Pactos de Madrid de 1953, que supoñen a instalación das bases estadounidenses en Rota e Morón, así como a compra de material militar aos estadounidenses. Se nese momento non se deu a entrada da Ditadura Franquista na OTAN, foi fundamentalmente polo medo á reacción da opinión pública estadounidense e europea diante da desagradable idea de ter por aliado a un antigo amigo de Hitler e Mussolini. Non pola falta de disposición de Franco.
Finalmente, para a esquerda que fixera campaña polo “non”, o referendo vai ser un úlitmo fracaso que confirma que os tempos de ruptura democrática que ofrecera a chamada Transición xa quedaban atrás. Pero tamén vai anunciar unha dinámica fundamental da política estatal nas catro décadas seguintes: a capacidade dos nacionalismos populares para ofrecer, nas nacións sen estado, unha alternativa posible ao imperialismo e ao neoliberalismo, fronte á parálise da esquerda española e ao servilismo e falta de palabra da socialdemocracia.
