FORMARSE PARA RESISTIR: A BATALLA POR PENSARMOS DE NOSO NUN PAÍS COLONIZADO

Pensarmos de noso nun país colonizado, coma o noso, non é algo espontáneo. Non forma parte, de xeito automático, do noso pensar cotián. E non o é porque, se por algo se caracteriza o imperialismo, é polo seu mecanismo de dominación: o colonialismo. Isto é, o control político, o espolio económico e a subordinación cultural das poboacións colonizadas. Mais a súa peza chave é o control de algo máis profundo: a conformación das mentalidades, procurando a súa permisividade e submisión coa dominación.

Salvando as distancias cos pobos do Sur Mundial, coas súas situacións, contradicións e discursos específicos, certo é que a teoría decolonial desenvolveu conceptos útiles para describir este fenómeno, como a chamada colonialidade do saber. Pola súa parte, autores clásicos da teoría anticolonial definírono como “alienación colonial” (Frantz Fanon n’Os Condenados da Terra) ou “aceptación colonial” (Albert Memmi en Retrato do colonizado). Máis alá das diferenzas terminolóxicas e do distinto xeito de operar segundo o territorio en cuestión, todos estes conceptos fan referencia ás dificultades que o imperialismo impón nas poboacións dos territorios dominados para pensar de seu, desde coordenadas propias e a prol dos intereses do propio pobo.

No caso galego, abondan exemplos recentes que demostren esta problemática. A crise da vivenda, agudizada no último ano, é un deles. Durante este tempo, impúxose un marco interpretativo de ámbito estatal que sitúa no centro os fondos voitre e a especulación financeira internacional. Porén, a traslación acrítica deste mesmo esquema á realidade galega conduce a un erro de diagnose. Aquí, constituíndo este un fenómeno crecente, a súa presenza é aínda limitada e o mercado está máis fragmentado, cun maior peso da pequena propiedade. Ao mesmo tempo, hai factores chave que si teñen un peso determinante no noso país e que moitas veces fican fóra do debate. É o caso da presión do alugueiro turístico estacional, reducindo a oferta residencial tradicional, a elevada proporción de vivenda baleira ou o progresivo abandono do rural. A isto cómpre engadir a emigración xuvenil, que tamén distorsiona o mercado da vivenda, ao expulsar parte da demanda e ocultar a dimensión real do problema. En definitiva, a visión do problema con lentes alleas condiciona tamén as posíbeis solucións.

Outro exemplo, especialmente esclarecedor, foi a contestación social ao proxecto de Altri. Mentres determinados enfoques centraron a súa análise exclusivamente no impacto ambiental (abofé inasumíbel), o nacionalismo puxo enriba da mesa unha análise máis profunda: por que é Galiza o territorio escollido para instalar Altri? A que intereses responde este proxecto? Aos do pobo galego ou aos dunha burguesía allea? Por tanto, a resposta transcende o ecolóxico para situarse tamén no plano anticolonial. É dicir, responde a unha lóxica de extractivismo que considera o noso país unha periferia fornecedora de recursos ao servizo de intereses alleos, co Estado español como axente dos centros económicos mundiais.

Un último exemplo topámolo na análise da precariedade xuvenil, analizada nun artigo en específico nesta revista. Os baixos salarios, a temporalidade e a dificultade para emanciparnos, alén de acrecentarse pola nosa condición colonial, vai sumado a un elemento estrutural que define a realidade de moitas mozas galegas: a emigración.

Milleiros de mozas vense obrigadas a marchar para poder desenvolver un proxecto de vida digno. É dicir, alén de precariedade, hai expulsión. Porén, cando analizamos esta realidade con marcos alleos aos da nosa clase e país, a emigración aparece como un fenómeno secundario, ás veces incluso romántico e propio do pasado, cando é —con certeza— un dos elementos centrais do modelo económico que nos condena. Estes exemplos constitúen síntomas dun mesmo problema: a dificultade de pensarmos Galiza con categorías propias. E é aquí onde a formación adquire a súa importancia e sentido político.

Nun país sen soberanía, a formación debe dotarnos dunha capacidade crítica que nos permita identificar cando estamos a pensar desde fóra e cando asumimos marcos alleos como propios, reproducindo análises que non responden á nosa realidade. Por tanto, formarnos, neste sentido, é tamén aprendermos a cuestionar. Cuestionar o que semella evidente e preguntarnos sempre que hai detrás de cada discurso: a quen responde e desde onde se formula. E finalmente aprender a reformular esas análises desde aquí, atendendo as nosas condicións concretas e os intereses do noso pobo.

Formarnos, entón, é un acto político. Porque sen capacidade de análise propia, non hai posibilidade real de transformación. A tarefa non é só entendermos o mundo para transformalo, é formarnos para resistir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *