Resolucións da Dirección Nacional

A Dirección Nacional de Galiza Nova reuniuse en Santiago de Compostela o pasado sábado, 5 de febreiro. Nesta xuntanza analizamos o actual contexto político e trazamos as liñas de traballo a nivel nacional para os vindeiros meses.

 

8 de Marzo. Día da Muller traballadora

A campaña do 8M neste ano arrancará o vindeiro sábado 12 de marzo, aproveitando as Xornadas de formación e terá como principal obxectivo recuperar a orixe obreira desta data, facendo fincapé na tripla opresión das mozas galegas.

Nesta campaña traballaremos por unha banda na axitación e difusión das mobilizacións que e convoquen dende o feminismo galego, así como en achegar o discurso feminista e de clase á mocidade, a través de actos formativos por todo o país e divulgación nas redes.

Campaña de mobilidade

A situación do transporte no noso país é precaria en todos os ámbitos, intensificada máis se cabe coa chegada do AVE. Dende Galiza Nova achamos importante denunciar esta situación á par que presentamos as nosas alternativas para garantir unha mobilidade accesible e compatible coas nosas vidas.

Arranca así a campaña de mobilidade que estará centrada no transporte ferroviario, o transporte marítimo, o transporte en autobús e os retos futuros da mobilidade.

Outras cuestións tratadas na xuntanza

Na Dirección Nacional tamén se aprobaron o balance económico do 2021 e o orzamento da organización para o 2022, así como o calendario político e organizativo para este ano.

Ademais, comezarase a traballar dende xa na redacción do mocidade 2022, cunha proposta de temas ampla e variada, que están de actualidade e son de interese para a mocidade galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *