O pasado sábado, 30 de agosto, tivo lugar en Compostela unha nova xuntanza da Dirección Nacional de Galiza Nova. Nela abordamos os retos organizativos e políticos para os vindeiros meses, así como o calendario de actividades que marcarán este último trimestre do ano.
XVIII ASEMBLEA NACIONAL DE GALIZA NOVA
Acordamos convocar a XVIII Asemblea Nacional de Galiza Nova para o vindeiro 29 de novembro. Esta asemblea será un espazo fundamental para debater colectivamente os retos da organización a día de hoxe, avaliar o traballo desenvolvido durante o período e marcar as liñas políticas e organizativas para os próximos anos.
XORNADAS DE FORMACIÓN DE VERÁN
Os días 20 e 21 de setembro terán lugar na comarca de Celanova e Baixa Limia as XXXV Xornadas de Verán de Galiza Nova. Como cada ano, estas xornadas serán un punto de encontro para a mocidade militante, con espazos de formación, debate e convivio.
EMANCIPACIÓN XUVENIL, EMANCIPACIÓN NACIONAL
O acto nacional de inicio de curso de Galiza Nova, centrado este ano na emancipación xuvenil, celebrarase o 27 de setembro na comarca da Coruña. Será unha xornada para poñer enriba da mesa as problemáticas que afectan á mocidade galega e reforzar as nosas propostas para avanzar cara a unha Galiza ceibe e con futuro para a nosa mocidade.
LUMES NUNCA MÁIS
Na xuntanza tamén puidemos analizar a terríbel situación que máis un verán tivemos que vivir nos montes do país con máis de 200.000ha queimadas.
Nunha nova mostra do que os problemas estruturais derivados do capitalismo, o abandono do rural, ter o monte ao servizo de intereses alleos e as políticas antigalegas impulsadas pola Xunta de Galiza en mans do Partido Popular, fan na nosa terra condenando un ano máis o noso monte e a xente que vive nel.
