Resolucións da Dirección Nacional

A Dirección Nacional de Galiza Nova reuniuse en Santiago de Compostela o pasado sábado 2 de abril. Nesta xuntanza analizamos o contexto político actual no noso país, fortemente marcado pola guerra na Ucraína, o descontento social pola suba xeralizada dos prezos e tamén o futuro da Xunta tras o congreso do Partido Popular. Ademais, marcamos as liñas de traballo político a nivel nacional para os vindeiros meses.

Campaña de Saúde Mental:

Co obxectivo de poñer a saúde mental no centro do debate político, decidimos comezar unha campaña ao respecto que arrancará o vindeiro luns 11 de abril.

Nesta campaña pretendemos facer ver que a saúde mental non é un problema puramente biomédico, senón que inflúe o noso redor. Servirá como cuña para introducir o discurso de que o sistema no que vivimos a día de hoxe, capitalista e neoliberal, é incompatible coa vida influíndo na nosa saúde psíquica e para poñer o foco en cuestións concretas que o demostren (inflación, dificultades no acceso á vivenda, precariedade laboral, etc).

Campaña das Letras Galegas.

A campaña das letras galegas este ano arrancará o día 4 de maio e servirá para denunciar como o sistema actual provoca que boa parte da produción cultural galega e por Galiza se sitúe fora das nosas fronteiras.

A campaña pretende ligar a homenaxe a Florencio Delgado, galego exiliado en México tras a Guerra Civil, co motivo da emigración, ben presente entre a mocidade no momento actual, como factor de ruptura comunitaria e persoal. Poñendo o foco en que as nosas letras, ademais de galegas (e en galego), deben poder desenvolverse na Galiza de xeito que se siga identificando a emigración como un fenómeno con consecuencias negativas tanto a nivel persoal como colectivo.

Campaña do Orgullo LGBT.

A campaña do orgullo LGBT este ano ten por obxectivo visibilizar a situación da mocidade LGBT na actualidade, tendo en conta a legalidade vixente, a percepción social, a situación laboral e o percorrido histórico do movemento.

Comezará o día 8 de xuño, Día da Visibilidade Lésbica Galega, e rematará o 28 de xuño, Día do Orgullo LGBT, coa participación das mobilizacións que se convoquen ese día dende o movemento.

Outras cuestións tratadas na xuntanza.

Ademais destas cuestións, tamén comezamos cos traballos de organización para os días 24 e 25 de xullo, co fin de ter ben preparados o Festigal e o Día da Patria.