A Dirección Nacional de Galiza Nova reuniuse en Santiago de Compostela o pasado sábado 11 de xuño. Nesta xuntanza analizamos o contexto político actual no noso país, fortemente marcado pola crise económica e social, o descontento xeralizado pola suba dos prezos e o cambio no panorama político galego coa marcha de Feijoo e a posta de Rueda como presidente da Xunta e do PPdeG. Ademais, marcamos as liñas de traballo político a nivel nacional para os vindeiros meses que estarán marcadas polos traballos preparativos do día da Patria e o Festigal.
1.Semana da Patria.
Co obxectivo de aumentar a conciencia nacional entre a xente moza do noso país e de poñer en valor a necesidade de reivindicarnos como nación o 25 de xullo, comezamos co traballo de preparación da quinta edición da semana da patria.
A campaña desenvolverase nos días previos ao 25 de xullo e consistirá nunha xeira de actos formativos, actividades lúdicas e accións visuais en todas as comarcas do país co fin de trasladar o noso discurso entre a mocidade galega e animar ás mozas e mozos a participar do festigal e da manifestación nacional do Día da Patria.
2.Festigal.
Despois de dous anos sen poder celebralo, os días 24 e 25 de xullo volve o festigal ao Campus Sur de Santiago de Compostela.
A Dirección Nacional resolve animar a toda a mocidade galega a participar destes dous días de celebración da nosa nación e a colaborar cos traballos de voluntariado que se levan a cabo neses días.
3. Campaña de Inicio de Curso.
Co obxectivo de dinamizar o uso do galego entre a xente moza e de dar a coñecer a nosa organización nunhas datas que para moitas mozas e mozos do noso país supón un cambio de etapa aprobamos unha campaña de inicio de curso centrada na lingua galega.
Nesta campaña, que comezará en setembro, realizaranse actos formativos, coloquios, mesas redondas, proxeccións de filmes en galego ou incluso festas de inicio de curso para fomentar o uso da nosa lingua entre a mocidade e reivindicala con orgullo.
4.Outras cuestións tratadas na xuntanza.
Ademais destas cuestións, tamén animamos a toda a mocidade a participar da histórica marcha contra ENCE o vindeiro 19 e das actividades organizadas pola Plataforma Galega contra a OTAN da que formamos parte.