Resolucións da Dirección Nacional

A Dirección Nacional de Galiza Nova reuniuse en Santiago de Compostela o pasado 28 de xaneiro. Na xuntanza analizamos o contexto político actual, fortemente marcado pola situación de crise económica e social, agravada no noso país pola situación de dependencia económica que imposibilita unha economía autocentrada e unhas políticas públicas que favorezan o desenvolvemento dos nosos sectores estratéxicos. O colapso da sanidade pública e a manifestación do vindeiro 12 de febreiro, a modificación do delito de sedición e o retroceso de dereitos democráticos, así como os ataques á esquerda e ao feminismo organizado que nos atacan directamente foron as cuestións que marcaron o debate político durante esta xornada.

Así mesmo, marcamos as liñas de traballo a desenvolver nos vindeiros meses, coa vista marcada no 8 de marzo e nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio.

  1. XXIII XORNADAS DA HISTORIA

Aprobouse o programa das XXIII Xornadas da Historia que terán lugar en Rianxo os días 17, 18 e 19 de marzo.

Nestas xornadas farase un percorrido histórico dende Castelao ata a actualidade, abordando os retos do movemento xuvenil nacionalista no contexto socioeconómico actual e a importancia da autoorganización en tempos de crise social.

  1. CAMPAÑA DO 8M

Co obxectivo de visibilizar como nun contexto de crise sistémica como o que estamos a vivir agudízanse as contradicións do capital e as desigualdades sociais, sendo as mulleres as que sofren máis fortemente as consecuencias.

A campaña desenvolverase nos días previos ao 8M e culminará na propia data coa asistencia ás mobilizacións que se convoquen dende o movemento feminista. Contará ademais cunha microcampaña contra o amor romántico nas datas próximas ao 14 de febreiro.

  1. CAMPAÑA DAS MUNICIPAIS

Para visibilizar que a mocidade tamén participa da política municipal, levaremos a cabo unha campaña de presentación das candidatas e candidatos de Galiza Nova aos concellos coa que se trasladarán as demandas a mocidade tamén a nivel local.

No marco desta campaña, o vindeiro 6 de maio terá lugar un grande acto central en Santiago de Compostela, no que se trasladará a importancia de participar tamén da política local.

Ademais, faremos fincapé en visibilizar as políticas que o BNG ten para a mocidade nos concellos, trasladando as propostas tanto a nivel nacional como  nos distintos espazos onde participamos.

  1. OUTRAS CUESTIÓNS FALADAS NA XUNTANZA

Na xuntanza tamén se acordou garantir unha potente comitiva xuvenil na manifestación nacional en defensa da sanidade pública que terá lugar o vindeiro domingo 12 de febreiro en Santiago de Compostela.

Ademais, deuse conta dos actos de presentación do caderno do 50 aniversario de ERGA, editado pola Fundación Galiza Sempre, que serán conxuntos con Erguer. Estudantes da Galiza e a propia fundación:

  • Ourense. Martes 31 ás 19.00
  • Compostela. Xoves 2 ás 19.00
  • Pontevedra. Mércores 8 ás 19.00
  • A Coruña. Venres 10 ás 19.30