A Dirección Nacional de Galiza Nova reuniuse o pasado sábado 26 de agosto en Santiago de Compostela. Na xuntanza analizamos o contexto político actual, fortemente marcado pola situación internacional – nomeadamente en África e América Latina – e polo contexto electoral e a futura investidura no Congreso dos Deputados.
Así mesmo, analizamos o traballo realizado nos últimos meses, cualificando como un éxito a campaña “Unha volta por Galiza” coa que percorremos máis de 4000 quilómetros ao longo e largo do país, así como os traballos da Patria, Festigal e Homenaxe a Rosalía e Castelao.
Por último, marcamos o traballo a realizar nos vindeiros meses, sendo o punto forte da xuntanza o debate da XVII Asemblea Nacional de Galiza Nova.
-
XXXIV XORNADAS DE VERÁN DE GALIZA NOVA
Aprobouse o programa para as XXXIV Xornadas de Verán de Galiza Nova que terán lugar os vindeiros 16 e 17 de setembro en Vilanova de Arousa (comarca do Salnés).
Nestas xornadas abordaremos o debate en torno á participación política no 2023, con palestras e obradoiros prácticos de comunicación, modelo de militancia e traslado de discurso entre a mocidade galega.
-
XVII ASEMBLEA NACIONAL DE GALIZA NOVA
Convocouse a XVII Asemblea Nacional de Galiza Nova para o 2 de decembro baixo o lema “Organizar agora a Galiza ceibe do futuro”.
Nesta asemblea, que terá lugar en Santiago de Compostela, debaterase o traballo a realizar pola organización nos seguintes dous anos e elixirase a nova dirección política da organización así como a súa secretaría xeral.
-
OUTRAS CUESTIÓNS TRATADAS NA XUNTANZA
Na xuntanza tamén se avaliou o traballo a realizar para o inicio de curso, que consistirá nun traballo axitativo nos centros de ensino do país – ensino medio e universitario – o día do inicio de curso (11 de setembro) e nos vindeiros.