A Dirección Nacional de Galiza Nova reuniuse o pasado sábado 21 de outubro en Santiago de Compostela. Na xuntanza analizamos o contexto político actual – fortemente marcado pola incertidume na investidura no Estado e polo contexto internacional en Palestina – e reafirmamos a nosa solidariedade co pobo Palestino, aprobando unha campaña de apoio nas rúas e de denuncia ao estado de Israel.
Así mesmo, tamén analizamos o traballo realizado dende a pasada xuntanza, valorando moi positivamente as XXXIII Xornadas de formación de Verán, cualificándoas como un espazo de aprendizaxe e debate óptimo para toda a militancia e base simpatizante.
Por último, avanzamos nos traballos de preparación da XVII Asemblea Nacional e aprobamos a campaña deste vindeiro 25 de novembro elaborada pola Asemblea Nacional de Mulleres.
XVII ASEMBLEA NACIONAL
Na pasada Dirección Nacional acordamos convocar a XVII Asemblea Nacional de Galiza Nova para o vindeiro 2 de decembro baixo o lema “Organizar agora a Galiza ceibe do futuro”.
O pasado sábado avanzamos no proceso de elaboración das teses que rexirán, se o conxunto da militancia o decide, o vindeiro período da nosa organización. Tras un longo e produtivo debate, aprobamos os documentos que deberán ser debatidos polo conxunto da organización o vindeiro 2 de decembro.
CAMPAÑA DO 25 DE NOVEMBRO
Máis dun mes antes do Día Internacional contra as violencias machistas, aprobamos a campaña elaborada pola Asemblea Nacional de Mulleres, que desta volta poñerá o foco en como o sistema reforza a impunidade masculina, tendo en conta os acontecementos recentes a este respecto.
A campaña verá a luz nos vindeiros días.
OUTRAS CUESTIÓNS
No noso compromiso por manter firme o apoio internacionalista ao pobo palestino, animamos a toda a mocidade galega a asistir aos actos convocados nesta semana pola Fundación Galiza Sempre.