Publicamos as resolucións da primeira xuntanza da Dirección Nacional de Galiza Nova logo da nosa XV Asemblea Nacional. Este sábado 22 analizamos a nosa XV Asemblea Nacional e o decorrer do proceso post-asemblear que se está a desenvolver na actualidade en todas as comarcas da nación.
O CONTEXTO POLÍTICO E A RESPOSTA DA MOCIDADE NACIONALISTA
Durante esta xuntanza realizamos unha análise do contexto político internacional e estatal e como este afecta a Galiza, reafirmándonos na loita contra a Constitución do 78 e a coartada empregada polo sistema coa ultradereita para atacar os movementos de liberación nacional, ao tempo que reafirmamos o apoio ao noso compañeiro agredido por levar unha bandeira da Patria na camisola, Pablo Blanco.
Aprobamos continuar a traballar neste eido para trasladar a mensaxe do nacionalismo galego fronte a situación de involución democrática que estamos a vivir durante os últimos anos, da cal Vox só é unha pequena parte e identificamos como cerne desta cuestión o interese dos grandes poderes por manter a unidade de España a toda costa; apoiándose tanto na dereita como na esquerda españolas e tratando uniformizar e eliminar todo rastro de diversidade no estado.
Fronte isto dende Galiza Nova defendemos a ruptura coa Constitución do 78, herdeira do franquismo, e que permitiu que o fascismo seguise vivo e latente nas institucións españolas, negadora da nosa realidade nacional, e que sustenta un sistema que nos condena á precariedade nas nosas vidas. Para iso é necesario que o pobo galego teña poder político propio coa constitución da República da Galiza.
FORMACIÓN
Un dos obxectivos principais da nosa XV Asemlea Nacional foi reforzar a formación da nosa militancia e cadros políticos. Nesa liña foi aprobado xa o programa e a localización das XX Xornadas de Historia da Galiza, que terán lugar os días 2 e 3 de febreiro na cidade de Lugo baixo o título 100 anos de nacionalismo galego, en referencia á realización nesta cidade hai un século da primeira Asemblea Nazonalista.
Do mesmo xeito a área de formación tamén está a traballar no plano práctico nun manual para as persoas que ocupan responsabilidades nas comarcas para dotar a mocidade nacionalista das ferramentas necesarias para seguir facer a avanzar a mensaxe do nacionalismo galego entre as mozas galegas.
RESPONSABILIDADES NACIONAIS
Ademais, tamén se debateron os diferentes planos de traballo e propostas de compañeiras para ocupar as responsabilidades nacionais de Galiza Nova. A Dirección Nacional escolleu as seguintes responsabilidades nacionais, que se suman á Secretaría Xeral, xa elixida directamente pola XV Asemblea Nacional, así coma as responsabilidades nacionais da Asemblea de Mulleres e Asemblea LGBT, que se suman a esta listaxe tamén.
- Alberte Fernández: Secretaría Xeral de Galiza Nova
- Claudia Quintela Misa: Responsabilidade de Organización
- Alexandre Louzao Carreira: Responsabilidades de Formación e Vivenda
- Navia Rivas de Castro: Responsabilidade de Internacional
- Anxo Núñez Fernández: Responsabilidade de Publicacións
- Iria Carreira Pazos: Responsabilidades de Simpatizantes e da Asemblea Nacional LGBT
- Paulo Ríos Santomé “Kai”: Responsabilidades de Política Institucional e Comunicación
- Lucía Veciño Souto: Responsabilidade de Finanzas
- Daniel Castro García: Responsabilidade de Lingua
- Iria Buide Pena: Responsabilidade da Asemblea de Mulleres
- Martín Agrelo Janza: Responsabilidades de Ecoloxismo e Movementos Sociais
- David Neira Caridad: Responsabilidade de Ensino
- Andrés López Branco: Responsabilidade de Emprego