Resolucións XIV Asemblea Nacional

AsembleaA XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, que se celebrou o pasado 26 de novembro en Compostela, aprobou as seguintes resolucións de apoio ás loitas populares na Galiza e á causa emancipadora dos pobos oprimidos, a quen quixemos, unha vez máis, expresar todo o apoio da mocidade nacionalista desde o noso organismo de decisión máximo, a Asemblea Nacional.

– O BNG é a mellor ferramenta socio-política coa que conta Galiza para mellorar as condicións de vida da mocidade e o pobo galego, para dar respostas necesarias ás problemáticas da nosa poboación e construír alternativas concretas e reais, o mellor instrumento capaz de erguer a nación e construír futuro en Galiza, defendendo a capacidade de decidir do noso pobo e camiñando cara a autodeterminación. Por todo isto a XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova considera fundamental a involucración total da nosa militancia no proceso Adiante emprendido polo BNG, co obxectivo de relanzar o nacionalismo socialmente e, en especial, entre a mocidade. A militancia de Galiza Nova comprométese co BNG no seu día a día, ampliando aínda máis a nosa implicación e participación, entendo necesaria a actualización do protocolo de integración de Galiza Nova no BNG co obxectivo de incrementar a achega xuvenil ao Bloque e a importancia da mocidade.

– A loita contra o feminicidio é diaria, en todos os ámbitos, en todos os planos. As mozas galegas padecemos as violencias machistas e somos asasinadas polo feito de sermos mulleres. O terrorismo machista son todos os comportamentos e accións que coaccionan, limitan e restrinxen as liberdades das mulleres e tamén a súa propia dignidade. O terrorismo machista non é unha cuestión privada, é unha cuestión pública pois o persoal é político. Adiante Asemblea de Mulleres de Galiza Nova e a loita feminista!

-A XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova parabeniza a Erguer. Estudantes da Galiza polo éxito da da folga contra a LOMCE e as reválidas neste xoves 24 de novembro. Erguer Estudantes da Galiza é a nosa organziación de referencia no movemento estudantil e comprómétemonos a colaborar no seu fortalecemento. Do mesmo xeito desexamos a Erguer grandes éxitos na loita polo ensino público galego.

– Galiza Nova denuncia as políticas do goberno español e da Xunta, que precarizan as condición laborais e de vida da mocidade galega, obriándoa a padecer a miseria, o paro e a emigración. Non aturamos a represión que exerce o estado español e a patronal sobre a clase traballadora galega. Por tanto, continuaremos loitando xunto á nosa central sindical de referencia, a CIG, na conquista dos dereitos sociolaborais e unha Galiza ceibe de explotación. Toda a nosa solidariedade coas traballadoras e traballadores de Ferroatlántica.

– Galiza Nova denuncia a responsabilidade directa do goberno da Xunta de Galiza na diminución do número de galegofalantes debido ás políticas galegófobas que perseguen a nosa lingua nas aulas, xulgados, administración… Na defensa do galego non daremos un paso atrás até que a nosa lingua sexa plenamente normalizada.

Galiza Nova apoia os procesos soberanistas nos Països Catalans e Euskal Herria e condena a acción imperialista, opresora e militarista que o sistema exerce sobre os pobos que loitan. Ben sexa mediante a violencia como a opresión de Israel sobre Palestina, con golpes de estado camuflados como en Brasil ou Venezuela, ou por medio da desestabilización e finaciamento de grupos armados como o ISIS en Siria. Máis unha veza a mocidade galega contra a fascismo en Ucraína e Turquía. Galiza Nova cos pobos do mundo.
A XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova solidarízase coa revolución cubana pola perda do seu líder, o Comandante Fidel Castro, exemplo para todos os pobos do mundo que loitan pola súa liberdade. Cuba si, ianquis non!

– Galiza Nova denuncia o espolio colonial dos nosos recursos e a destrución do medio, como o atentado ecolóxico que pretenden facer en Lousame. Apoiamos a defensa do territorio, os montes en man común, os espazos naturais, coma o Monte Pindo ou a Cova de Eirós, o saneamento das nosas rías esixindo desaparición de ENCE da ría de Pontevedra.

– Priorizamos a organziación da mocidade en Galiza Nova para acumular forzas cara ao obxectivo político da consecución dun novo status para Galiza, superando o corrupto marco constitucional español por medio do avance do proceso de autodeterminación e da constitución da República da Galiza, conformando unha sociedade libre, xusta, solidaria e equitativa.