RESOLUCIÓNS DA DIRECCIÓN NACIONAL – 18/10/2025

O pasado sábado 18 de outubro tivo lugar en Santiago de Compostela a penúltima Dirección Nacional de Galiza Nova deste período. Nela analizouse o contexto político actual, fortemente marcado polo avance do imperialismo e o auxe da ultradereita. Tamén se valorou o traballo realizado até o momento e abordáronse os principais retos para os vindeiros meses, centrando o esforzo na preparación da XVIII Asemblea Nacional e na campaña do 25N.

XVIII ASEMBLEA NACIONAL DE GALIZA NOVA

A Dirección Nacional aprobou o lema e o relatorio político-organizativo da XVIII Asemblea Nacional de Galiza Nova, que se celebrará o vindeiro 29 de novembro. Avanzamos así no proceso de elaboración das teses que rexerán, se o conxunto da militancia así o decide, o próximo período da nosa organización.

CAMPAÑA DO 25 DE NOVEMBRO

Aprobouse igualmente a campaña nacional de Galiza Nova para o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista.

A campaña desenvolverase ao longo das próximas semanas con actividade en todo o país, poñendo o foco na necesidade de reforzar o feminismo fronte ao reaccionarismo e aos discursos de odio, e como ferramenta transformadora para a mocidade galega.

ACTUALIDADE POLÍTICA

Afondouse tamén na situación política actual, tanto a nivel internacional como nacional. Reafirmouse o compromiso de Galiza Nova co pobo palestino e coa súa autodeterminación, denunciando a hipocrisía das potencias occidentais e do Estado español.

Así mesmo, púxose de manifesto a necesidade de centrar a atención no avance da ofensiva reaccionaria na Galiza e de fortalecer a resposta organizada da mocidade fronte aos discursos de odio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *