O noso país veciño foi vítima dun forte retroceso nos dereitos das persoas trans e intersex. Falamos do retorno á patoloxización e á consideración de “trastorno”.
Portugal era, por moitos anos, pioneiro en dereitos LGBT+, superando con creces as políticas que se levaban a cabo pola Xunta de Galiza ou polo Estado español, introducindo a autodeterminación cinco anos antes. Agora, por mor do auxe da dereita e extrema dereita, representados por Chega e PSD, a mocidade portuguesa trans vai deixar de poder mudar o seu nome e sexo nos seus documentos legais, tampouco van poder ver recoñecido o seu nome no ensino e van ter prohibido o acceso a bloqueadores. Só as maiores de idade poderán mudar os seus datos, despois de pasar por un diagnóstico de “trastorno de identidade de xénero”.
Isto pretende negar a existencia das infancias trans, e deixar un precedente que non tardarán en copiar na Galiza se non saímos ás rúas. Portugal ten agora todo un desafío por diante: convencer o presidente da República, a través das mobilizacións, para que revogue as modificacións propostas. É preciso solidarizármonos e mandar todo o noso apoio ás nosas veciñas, na longa noite de pedra que lles queda. Alén diso, tamén ficarmos atentes ao que poida acontecer aquí. A proposta de ignorar as recomendacións da OMS e eliminar a autodeterminación xa é algo que propón facer o Partido Popular. O protocolo educativo da Xunta leva anos sen actualizarse, o PPdeG no Parlamento cada día aumenta o seu odio cara ás persoas trans, no seu desesperado intento de parecerse cada vez máis a VOX.
Empregan os seus medios, como a CRTVG, para lanzar noticias no 8M co relato dunha suposta división que non é tal, pois se comparamos a participación xeral das manifestacións convocadas polo feminismo galego (que son inherentemente transinclusivas) coas manifestacións excluíntes, non hai concello onde o odio gañe ou sexa digno de optar a ter o nome de división. A situación é tal, que este ano se viron obrigados a pór imaxes das manifestacións en Madrid (que me pregunto que terán que ver na Galiza) para poder manter ese discurso.
Fronte a esta onda reaccionaria, cómpre organizármonos para loitar por unha Galiza liberada en que se defendan os dereitos que nos corresponden, polas crianzas trans menores de 12 anos que ficaron fóra da lei, polas persoas non binarias que continúan sen recoñecemento legal nas institucións, polas migrantes, ás que negan o seu dereito a ser, e pola defensa de todos os dereitos que alcanzamos. Se nos mobilizamos, non serán quen de acabar con nós.
