REVOLTA FEMINISTA CONTRA O PATRIARCADO CAPITALISTA

A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova ven de publicar o novo número do ACTIVAS, o seu voceiro nacional, con motivo da nova campaña polo 8M e as vindeiras mobilizacións do 1 de Marzo e da data en cuestión convocadas polo movemento feminista galego.

As mozas nacionalistas centramos o discurso desta campaña no encaixe das mulleres dentro do sistema capitalista nun contexto de aumento da explotación de clase. É precisamente neste contexto actual no que as mulleres, nomeadamente as mozas da clase traballadora, nos vemos maiormente atacadas sendo vítimas da temporalidade e da precariedade laboral, dos descensos dos salarios e do poder adquisitivo, así como do empeoramento das condicións e garantías laborais.

Ademáis, en tempos de auxe da ultradereita vemos necesaria a mobilización e a loita contra o retroceso en materia de dereitos sociais.

Con todo, desde Galiza Nova apuntamos que as mulleres do colectivo LGBT sofren ademáis das violencias específicas pola pertenza a este grupo, as violencias derivadas de ser mulleres e fai fincapé na situación de vulnerabilidade na que se atopan e as dificultades que sofren no acceso ao mercado laboral, como a maior exclusión social e mortalidade.

As mozas do BNG denunciamos tamén na nosa publicación, os 10 anos de goberno do Partido Popular da man de Núñez Feixóo que lograron precarizar aínda máis as vidas das mulleres, desprotexéndoas atentando contra elas mediante o recurtamento do gasto social e incluso vexándoas en distintas campañas institucionais.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova chamamos á organización e o traballo de base xunto coa mobilización a fin de cumplir o noso cometido como militantes feministas e garantir os nosos dereitos.