Tamén a estudante Iria Figueroa, en representación da Plataforma, subliñou que a resposta das familias amosa o rexeitamento da comunidade educativa e da sociedade no se conxunto á LOMCE e ás reválidas unha probas que “van en contra da igualdade de oportunidades no ensino público”.
“Estamos moi satisfeitos polos datos de non asistencia a estas probas que son innecesarias e estériles e que poñen atrancos na vida dos noso fillos e fillas. É incríbel que haxa un goberno que queira etiquetar a nenos e nenas destas idades”, indicou Fernando Laccaci.
A LOMCE estase aplicando de costas á sociedade
Anxo Louzao considerou que coa masiva insubmisión das nais e pais “constátase que a LOMCE estase aplicando de costas á sociedade” o que entende que obriga á súa paralización e posterior derrogación. Ademais denunciou que estas probas parten dunha concepción clasista e selectiva da educación; que contribúen a afondar na división social e limitan o dereito á educación.
A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, amosou o rexeitamento ás reválidas por seren “unha proba inútil que somete a unha tensión innecesaria ao alumnado e causa problemas na organización pedagóxica dos centros, cando os esforzos e os recursos dos que dispón o ensino público deben poñerse ao servizo dunha educación de calidade e do seguimento personalizado dos e das estudantes, en vez de perder o tempo con probas sen ningún sentido e que, ademais, están inspiradas nun modelo fracasado, nas leis e no modelo educativo do franquismo”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou que continuará mobilizándose e loitando até que desaparezan as reválidas e máis a LOMCE e agradece o esforzo e sacrificio que para as familias supón non enviar aos seus fillos e fillas aos centros escolares.