«A miña nai? A miña nai non traballa». Cantas veces escoitamos isto? Cantas veces repetimos esa frase sen pensar en que leva detrás?
A miña nai non traballa, din, mais ergueuse toda a vida antes do amencer. Coidou dos fillos, dos animais, da casa, dos vellos e traballa a terra como quen traballa a vida. Nunca tivo horario nin vacacións. Non fixo horas extra porque todas eran extra. E, con todo, ninguén lle chamou traballadora.
E antes ca ela estaba a miña avoa, unha desas mulleres que loitaron en silencio nun tempo escuro, cando as mulleres non tiñan dereitos, nin voz, nin liberdade. Traballaba arreo, dentro e fóra da casa, e, aínda así, o seu nome nunca apareceu en ningunha nómina nin en ningún papel. Era desas mulleres a que o sistema lles dixo que non valían nada, mentres mantiñan a familia coas súas mans.
Así foi a vida de tantas mulleres do rural: mulleres que sostiveron a casa, a familia e a terra, mais a quen o sistema lles negou o título de traballadoras. Mulleres que traballaban sen traballo, porque o seu esforzo non contaba, nin cotizaba, nin se nomeaba.
As mulleres do rural galego son moito máis ca unha estatística ou un mural. Son o motor que fai medrar esta terra. Son labregas, gandeiras, mariscadoras, artesás, feirantas, coidadoras, mestras do que é esencial. Mulleres que fan mil cousas á vez, que coidan e producen, que traballan a terra e manteñen viva a comunidade. Mulleres que tiveron que facer o duplo ou o triplo para seren recoñecidas.
O Día da Muller Rural é moito máis ca unha data simbólica: é unha chamada á memoria e á xustiza. É lembrar as que traballaron en silencio, as que non puideron estudar, as que obedecían leis feitas por homes e para homes. Mais tamén é un día para celebrar a súa rebeldía, a súa capacidade de resistir, de crear, de coidar e de facer futuro.
Porque foron elas quen mantiveron as aldeas vivas, quen gardaron as sementes, as palabras, as cantigas e a identidade galega. Foron elas quen nos ensinaron o amor pola terra, quen souberon facer render o pouco que tiñan, quen nos transmitiron a idea de comunidade e solidariedade.
Por iso, hoxe, desde o orgullo e a gratitude, dicimos: recoñecemento, dereitos e dignidade para as mulleres do rural.
Que nunca máis se diga «non traballa» dunha muller que sostén a vida.
Que nunca máis se confunda amor con obriga, nin entrega con resignación.
Que as mulleres do rural teñamos os dereitos que nos pertencen, que poidamos traballar sen abandonar a nosa terra.
Se algo está claro é que o rural está a ser cada vez máis abandonado polo Partido Popular: féchanse escolas, minguan os servizos e aumenta o illamento. As mulleres, que o deron todo pola terra e pola comunidade, son as primeiras en padecelo. En moitas aldeas xa non hai acceso doado á saúde, á tecnoloxía nin a oportunidades de emprego, e a fenda de xénero na participación laboral segue a medrar. A isto súmase o incremento da violencia machista, que fai aínda máis dura a realidade de quen sostén a vida no rural.
Todo isto está a ter consecuencias, pois cada vez máis mulleres novas vense obrigadas a abandonar o rural en busca de oportunidades nas cidades, deixando atrás aldeas que se masculinizan e envellecen.
Ante isto, tócanos seguir a súa loita, pór voz onde elas foron silenciadas e construír un rural feminista, vivo e xusto.
E, sobre todo —falando como mestra—, tócanos trasladar todos estes saberes herdados ás nosas crianzas.
Porque as mulleres do rural seremos pasado, presente e futuro.
Non queremos homenaxes baleiras: queremos igualdade real.
O rural será feminista ou non será.
