Sae á rúa o 1º de Maio coa CIG. Basta de escravitude e emigración!

DEREITOS-CARTAZ-A3 GNBNGSae á rúa neste primeiro de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, e participa con Galiza Nova das manifestacións convocadas pola CIG baixo o lema “Contra a explotación e a pobreza, fagámoslle fronte á UE! Organización, loita e soberanía”, para denunciar a situación de pobreza e desesperación provocadas pola falta de emprego na que nos vemos sumidas as mozas/os galegas/os.

As políticas encabezadas pola UE e aplicadas polo Goberno Estatal e Xunta de Galiza teñen moito que ver, por iso é preciso racharmos co actual modelo económico, e construírmos un outro sistema, xusto, solidario e democrático, onde as clases populares deixen de estar desprotexidas como até o de agora e sexan as altas oligarquías as controladas. Non podemos permitir que desde Bruxelase Madrid se afoguen os nosos sectores produtivos e que como consecuencia a mocidade galega nos vexamos obrigadas/os a emigrar – que non a facer viaxes culturais como di o goberno do PP- e sexa imposíbel facer unha planificación vital ao converterse Galiza nunha colonia e estar a mercé de decisión tomadas por personaxes aos que o pobo galego non lles interesa absolutamente nada. A taxa de desemprego alcanza cifras históricas e vai en aumento, chegando a unha porcentaxe do 30% no caso galego (máis do 50% se falamos de mocidade), e se a isto lle engadimos as consecuencias das políticas neoliberais que está a aplicar o PP convertendo os piares básicos da sociedade de benestar en negocios que beneficien a grandes empresas privadas, as condicións ás que a sociedade galega se ten que enfrontar son máis crúas. Por iso a necesidade imperiosa da contestación social e das reivindicacións día a día, mesmo cando o goberno acaba de aprobar a chamada Lei da Mordaza coa que desaparece case por completo a liberdade de expresión.

Hoxe máis que nunca a loita solidaria da clase obreira vese imprescindíbel para acabar co capitalismo que nos invade e que afoga a quen menos ten! Para evitar que a xente moza teña que deixar as casas, que aceptemos condicións pésimas de traballo e deixar morrer os nosos sectores produtivos, mañá berremos ben forte e claro: non a este modelo económico que quere axfisiarnos e non aos partidos corruptos que buscan acabar coas clases popularese a Galiza!

Os horarios e lugares das manifestacións son os seguintes:

Vigo: Ás 11,30h. na Doblada
A Coruña: Ás 12,00h na Praza de Vigo
Pontevedra: Ás 12,00h. Praza da Ferrería
Vilagarcía: Ás 12,00h. na Casa do Mar
A Estrada: Ás 12,00h. na Praza do Mercado
Ferrol: Ás 11,30h. Av. de Esteiro (local CIG)
Compostela: 12,30h. na Praza Roxa
Ribeira: Ás 12,00h. na Praza do Peixe
Lugo: Ás 12,00h. Ronda da Muralla (Edificio Sindical)
Ourense: Ás 12,00h. Pavillón dos Remedios
Cervo: Ás 12,30h diante da fábrica de Sargadelos
Cangas: As 19h. Praza do Concello