SAÚDE MENTAL E OCIO ALTERNATIVO

O noso tempo de lecer e as actividades lúdicas son tamén un reflexo do sistema e, polo tanto, non están exentas da lóxica do capital, que reducen as actividades de lecer a simples bens de consumo. Este tipo de pautas de ocio acaban derivando irremediablemente na predominancia do ocio nocturno, destinado ao consumo excesivo de alcol e outras substancias, que non fai máis que beneficiar á industria relacionada e que repercute negativamente na nosa saúde tanto física como mental.

Ademais, a criminalización da mocidade por aproveitar o tempo de lecer da única forma que o sistema oferta (pois carecemos de alternativas de lecer saudábel) viuse agravada nos últimos meses pola situación pandémica, afectando así á nosa saúde mental e física e chegando incluso á represión policial.

Está demostrado que o consumo excesivo de alcohol ten unha relación directa co desenvolvemento de enfermidades mentais como a depresión ou a ansiedade, ademais de aumentar o risco de suicidio. Ademais, é frecuente que as persoas que sofren depresión ou outras enfermidades de saúde mental recorran ao alcol ou a outras substancias para tentar mellorar a situación, logrando o efecto contrario.

Por outra banda, tamén está demostrado que os factores sociais e culturais inflúen no consumo deste tipo de drogas. A maneira atractiva na que o consumo de alcol se presenta nos medios de comunicación sumado á falta de alternativas de ocio conducen a que este sexa un problema que se vai agravando entre a mocidade.

Polo tanto, debemos ser quen de impulsar alternativas ao ocio sistémico dende un punto de vista san, pero sen caer na criminalización do consumo. Para iso debemos tecer e demandar alternativas políticas que permitan desenvolver actividades fora do circuíto comercial habitual, con carácter complementario e non substitutivo do mesmo.