SAÚDE MENTAL E SANIDADE

Logo de anos sufrindo as políticas de recortes e precarización do Partido Popular, a sanidade pública vive unha situación límite, afectada profundamente pola pandemia. Lonxe de reaccionar, o goberno da Xunta continúa sen reforzar o sistema sanitario e afonda no desmantelamento da atención primaria, negando o noso dereito á saúde e acabando con servizos fundamentais.

Como xa vimos analizando, a crise sanitaria e o sistema no que vivimos ten efectos nocivos na saúde mental da mocidade. Para corrixir está situación cómpre conseguir unha melloría das condicións materiais, pero tamén das estruturas de solidariedade popular a través do asociacionismo, sindicalismo ou familiarismo antiautoritario.

Ademais, o desenvolvemento dun sistema de saúde mental realmente comunitaria con maior dotación de profesionais e recursos é esencialmente necesario neste incremento de malestar xeracional. Na actualidade contamos cunha media de 3’5 psicólogas clínicas por cada 100.000 habitantes en Galiza, mentres que a media na Unión Europea é de 18 e de 26 nos países da OCDE. A lista de espera para a primeira consulta especializada é de meses e nun contexto de crise e precariedade o benestar físico e psíquico convértese nun luxo inaccesíbel para a mocidade do noso país.

Constatamos ademais como se saturan espazos alternativos que ofrecen atención psicolóxica á xente nova, dada á escaseza de recursos do sistema público. Aconteceu por exemplo na unidade de atención creada na USC a raíz da pandemia, que en moi pouco tempo funcionando recibiu centos de consultas do estudantado.

A falta de recursos na sanidade pública leva irremediablemente a buscar solucións alternativas na privada, facendo que so aquelas familias cunha boa posición económica poidan ter un tratamento axeitado para os problemas de saúde mental. É polo tanto un reflexo máis de cómo este sistema fomenta a desigualdade das clases populares, impedindo o acceso a un ben tan básico como a nosa saúde.

Cómpre reaccionar con forza ante a situación límite actual e demandar activamente un servizo galego de saúde digno. É indispensábel dotar ao sistema dos recursos e profesionais necesarios, que garantan un futuro para a sanidade pública. É necesario tamén normalizar as experiencias das persoas con alteracións psíquicas para incluílas na sociedade. Cómpre así rachar con tabús e abordar desde o público os problemas que existen na sociedade e que afectan nomeadamente á mocidade.