A COVID-19 colocou en primeiro plano a nosa saúde e evidenciou a necesidade de contar cuns servizos públicos fortes. Alén dos efectos na saúde física, a crise sanitaria reforzou as dinámicas alienantes e illadoras dun falido Estado de Benestar relacionadas coas formas modernas de sufrimento psíquico na mocidade.
Cando falamos de saúde mental non podemos ignorar o contexto social, as enfermidades psíquicas non poden encasillarse como algo puramente biomédico. O impacto da pandemia entre a xente nova é sistemático, profundo e desproporcionado, a COVID-19 cambiou por completo a nosa forma de relacionarnos, afectando a nosa saúde non só física, senón tamén mental e afondou aínda máis na situación de precariedade laboral que vivimos a xuventude a nivel mundial. Na mocidade, a pandemia tivo efecto inmediato na educación (non todas puideron ter acceso á ensinanza en liña), no emprego (unha grande parte das mozas que estaban traballando antes da pandemia perderon o seu posto de traballo, vendo moitas outras as súas condicións laborais deterioradas e a súa carga de traballo aumentada baixo o pretexto do teletraballo) e no benestar mental (viuse un aumento dos problemas de saúde mental entre a xuventude, derivados da preocupación tanto pola pandemia como pola crise económica e social derivada desta). E este impacto constatouse cos datos:
-
-
- No 2020 marcouse un máximo histórico no rexistro de suicidios, converténdose estes na segunda causa de morte no Estado para as persoas entre 15 e 29 anos.
- Entre 2019 e 2021 chegáronse a duplicar as demandas de consulta en especialistas de saúde mental.
-
Incrementáronse os factores de risco, aumentaron os transtornos mentais, a depresión, a ansiedade, o insomnio, etc. e empeoraron os transtornos mentais graves debido ás barreiras asistenciais. A situación económica, o desemprego, a perda de ingresos ou a incertidume sobre o futuro xeran moitos problemas (Un aumento do 1% do paro xera un aumento do 0’8% nas taxas de suicidio).
Polo tanto, é unha realidade que a loita por mellorar os problemas de saúde mental é tamén unha loita política na que Galiza Nova debe tomar parte para garantir os dereitos da mocidade galega neste ámbito. Tanto na loita contra un sistema que nos precariza constantemente como na defensa duns servizos de saúde dignos que permitan mellorar a calidade de vida das mozas de mozos galegos.