Senado español ataca ás mulleres

abortoAs mozas nacionalistas declarámonos insubmisas e en rebeldía fronte a aprobación no Senado da reforma da lei do aborto do Partido Popular, que non recuou na súa ofensiva contra o dereito das mulleres de 16 e 17 anos a decidirmos sobre o noso propio corpo. Impóñennos a maternidade e pretenden decidir por nós en temas que tan só nos incumben a nós como é o dereito ao aborto. A decisión do senado español supón unha involución gravísima que trae de novo á lexislación unha ideoloxía descaradamente fascista e que responde con clareza aos intereses de organizacións ultra-conservadoras.

A interrupción libre do embarazo é un dereito de todas as mulleres, independentemente da súa idade. A repenalización ten demostrado ser absolutamente inútil para reducir o número de abortos que se levan a cabo, o único que conseguirá será obrigar ás mulleres de 16 e 17 anos que desexen abortar, a procurar métodos alternativos á sanidade, sumíndoas na clandestinidade. Ademais dunha desprotección médico-sanitaria que chegará a pór en risco a vida das mozas con menos recursos económicos.

Querémonos sempre libres. Insubmisas e rebeldes! En nós non manda ninguén!