A mocidade galega estamos chamadas a ser protagonistas da nosa terra e do noso tempo, sabémolo e, por iso, cada mes de xullo desde hai xa sete edicións organizamos a Semana da Patria Galega, espallando por todo o país unha vaga de actividades políticas, culturais e reivindicativas que nos convocan a construír un futuro de liberdade. Este ano, ademais, batemos todos os récords: máis de 70 actividades en todos os recunchos da nación que nos confirman que o nacionalismo popular non só existe, senón que medra e se fortalece día a día coa forza da mocidade.
A Semana da Patria Galega é moito máis que un mero calendario de eventos. É un exercicio de dignidade colectiva, unha escola de autoorganización e un espazo de encontro feito con moito esforzo desde a mocidade e para a mocidade. É tamén unha porta de entrada para todas aquelas mozas e mozos non organizados que buscan respostas fóra do marco imposto polo sistema. Cada palestra, cada despregamento do bandeirón da patria, cada roteiro ou cada festa nacionalista é un ataque directo contra a alienación que nos impoñen dende Madrid e contra as institucións que perpetúan o modelo españolista que atenta contra o noso pobo.
E falando de institucións que perpetúan o modelo españolista, quixo o destino que este ano a Semana da Patria Galega coincida coa visita da princesa Leonor na nosa terra; unha operación da máis absoluta propaganda institucional que busca facer un lavado de cara dunha monarquía corrupta, antidemocrática e imposta. A súa presenza na Galiza, que vai aparellada ademais ao título de filla predilecta de Marín e á concesión da Medalla de Galicia en Santiago de Compostela, non é un acto inocente, senón que é parte dun relato ben construído que busca lexitimar unha institución que nega sistematicamente o noso dereito a existir como nación.
Non llelo imos permitir.
A mocidade galega, nun exercicio de dignidade democrática, saímos e sairemos ás rúas nas diferentes concentracións que convocamos con motivo da visita da princesa. A mocidade galega reivindicamos un país sen reis nin raíñas, sen princesas nin infantas. Unha Galiza soberana en que as mozas e mozos teñamos dereito a decidir libremente o noso futuro. Fronte as medallas e recoñecementos outorgados polas administracións cómplices, gobernadas polo Partido Popular e o PSOE, que perpetúan o afogamento da nosa terra, érguese a voz dunha mocidade que non nos resignamos, que non esquecemos quen somos e que temos claro que non haberá liberdade mentres teña poder quen nos nega como pobo.
A Semana da Patria Galega non é máis que iso, un berro colectivo contra o esquecemento e contra a resignación. É a expresión viva dun proxecto ao que aínda lle queda moito percorrido, un proxecto que aposta polo país, pola lingua, pola igualdade e pola soberanía. Mentres a monarquía española é o cárcere dos pobos, o pasado que nos encadea e que non nos deixa avanzar, a mocidade galega organizada somos o presente e o futuro que queremos conquistar: un futuro libre, republicano, sen subordinacións centralistas, en que sexamos nós quen tomemos as nosas propias decisións.
Esta semana, entre murais, concertos, roteiros e despregamentos, estamos deixando claro quen somos e quen queremos ser; estamos berrando alto que non nos representan, que non queremos monarquía española senón Galiza ceibe e que o país no que merecemos vivir será a República Galega ou non será.
