
—Mais, aínda segues por aquí, filliño?
Estas foron as palabras que me dedicou Rosa en urxencias un domingo de decembro ás 05:25 h. Atendina o sabado, arredor das 11:00 h da mañá. Por desgraza tiña que quedar todo o día en observación e ser valorada de novo ao día seguinte. De madrugada, cando me dispuña a ver outro paciente e pasaba diante da súa cama, detívome sorprendida.
A medida que medramos, muda a nosa forma de ver o mundo que nos rodea. As análises dependen cada vez máis dun número maior de variábeis e, grazas ao camiño percorrido, podemos valorar máis fidedignamente a nosa contorna. Se algo me quedou claro hai xa un tempo, en contra dos cada vez máis populares discursos neoliberais, é que, por moito empeño que poñamos nas cousas, non sempre son como nós queremos.
Hai un mantra que se repite, infelizmente de maneira interesada, todo o tempo: «temos a mellor sanidade do mundo!». E cando estás dentro do sistema podes chegar a creelo. Como se un dereito universal como é a atención sanitaria gratuíta puidese tapar a realidade das listas de espera, da falta de profesionais, dos centros de saúde sen substitucións, das urxencias desbordadas, do colapso asistencial ou das traballadoras completamente esgotadas con xornadas laborais de até 25 horas. Como se repetir a mentira puidese volver invisíbel o deterioro deliberado do noso sistema sanitario.
Mais a verdade é que o SERGAS non funciona. Ou mellor dito: funciona exactamente como queren que funcione. Porque moito ollo, isto non é ineptitude: é estratexia, e non é nova. O proceder é sinxelo: primeiro afógase o sistema público, non se cobren as baixas, non se renovan os contratos, sobrecárganse as profesionais, aumentan as listas de espera e recórtase en servizos. Logo, ante a desesperación da poboación que non pode acceder a unha consulta no seu centro de saúde ou ten de agardar meses para unha operación cirúrxica, aparecen as alternativas privadas. Ou sexa, que se salva quen pode.
E o plan funcionalles. O capital sanitario privado medra en Galiza. Concretamente, as achegas públicas aos operadores sanitarios privados aumentaron un 18 % ao longo da última década, cunha subvención no último ano de máis de 300 millóns de euros, representando o máximo histórico. Sen ir máis lonxe, acabamos de coñecer o escándalo maiúsculo do Álvaro Cunqueiro: 470 millóns de sobrecusto (aínda sen explicacións), 22 000 metros cadrados máis pequeno do previsto, 250 camas menos e dous quirófanos que non existen.
E isto non é gratuíto. Isto ten graves e irremediábeis consecuencias. Consecuencias que pagamos as de sempre: a clase traballadora. Sofrémolo por duplamente, por unha banda como traballadoras dun sistema precario do que dependemos economicamente e que non ten reparo en impor o puño de ferro; e sufrímolo tamén como clase traballadora que non pode permitirse o luxo de adiantar a atención sanitaria pola vía privada.
O 47 % das galegas afirman que tiveron que agardar máis de unha semana para seren atendidas pola médica de familia, o 24 % non puideron coller cita e o 38 % decidiron acudir a urxencias para acurtar os tempos. Desde 2009 recortáronse 2000 millóns de euros só na atención primaria; temos 200 concellos sen atención pediátrica e 11 000 nenas e nenos sen pediatra asignada. 350 000 persoas agardan en lista de espera; nos últimos 5 anos incrementouse en 30 000 persoas a lista de espera para unha primeira consulta hospitalaria, tendo citas que superan os 2 anos de demora. Segundo a Organización Mundial da Saúde, a atención primaria ten que levar, como mínimo, o 25 % do orzamento sanitario para ser operativa; na Galiza, é do 14 %. O título parece unha hipérbole, mais non o é. As pacientes quedan incrédulas cando lles digo que se poñen unha reclamación en admisión, terán a súa cita moito antes. Puro estilo caciquil. Se fas ruído, a túa cita na atención hospitalaria pode baixar de dous anos a escasos meses.
E ante todo isto, canto máis imos agradar mentres nos convencen de que isto é inevitabel e nos deixan sen alterantivas? Quen ten a culpa? Nós? O sistema? Os pacientes? E agora que facemos?
O único que nos queda é organizarse. Loitar. Denunciar. Analizar. Temos de ser ambiciosas e contundentes coas nosas exixencias: a sanidade debe ser pública, de calidade, universal e accesíbel para todas.
Levamos percorrido unha parte do traxecto moi importante, iso é certo, mais temos por diante retos que debemos abordar canto antes para traballar nun futuro mellor, que ten que ser próximo; porque no presente, como tamén respondín á Rosa aquel sábado, «aínda estamos así…» mais non por moito tempo.