A nosa organización denunciou esta mañá publicamente as sancións económicas que se lles esixe pagar desde a Subdelegación do Goberno a sete moz@s, d@s cales catro son membros de Galiza Nova, por participaren nun reparto informativo en Vigo durante a folga estudantil do 10 de maio de 2012, logo de seren identificad@s pola policía española.
Ante o requerimento do pagamento destas sancións, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, xunto cos responsábeis das organizacións estudantís nacionalistas Comités e Liga Estudantil Galega e coa presenza de vari@s compañeir@s denunciad@s, negou en rolda de prensa nesta mañá que as persoas acusadas estivesen a participar nunha manifestación non comunicada e afirmou que non se produciron desordes públicas, tal e como sentenza a denuncia, e que o único que estaban a realizar era informar ao estudantado dos motivos da xornada de folga. Trátase por tanto do exercicio dun dereito esencial e recollido na lexislación vixente.
Desde Galiza Nova rexeitamos este proceso sancionador por inxusto e represivo, aínda máis incomprensíbel atendendo a que a maioría das persoas participantes neste reparto nin sequera pisaron a estrada, manténdose na beirarrúa informando ao estudantado, e que polo tanto non obstaculizaron o tráfico, tamén motivo da sanción.
Ademais, só sete persoas das oito identificadas participaron nesta acción informativa. O oitavo compañeiro chegou á parada de autobús cando os outros xa estaban a ser parados pola policía, mais ao achegarse e interesarse polos feitos, foi tamén identificado.
Denunciamos que a policía española mantivo retidos na rúa durante máis de media hora a estas oito persoas, alongando a recollida dos seus datos persoais, cunha clara intención de impedir que continuasen informando ao estudantado.
Denunciamos así mesmo que as sancións económicas esixidas a estas sete persoas (que alcanzan os 360 euros para cada unha delas) son unha práctica á orde do día por parte do goberno do Partido Popular contra as mozas e mozos que saen á rúa reivindicar os seus dereitos. Por isto que tachamos estas multas de medidas de castigo exemplarizante contra quen informa ou protesta contra o roubo dos nosos dereitos e os ataques ao ensino público, como é a contrarreforma educativa (LOMCE), motivo da folga estudantil do 2012.