Sexamos mulleres libres e orgullosas!

Toda a estructura patriarcal apoiase nun sistema de produción capitalista que sustenta e intensifica a opresión sobre as mulleres. Vivimos bombardeadas por campañas publicitarias que nos animan a mercar productos co fin de encaixar no modelo de beleza establecido. Mercamos a roupa en función de modas absurdas e efímeras para tiralas ao lixo cando o sistema no lo require, impóndonos novos productos que acabaremos consumindo.

O patriarcado crea modelos de beleza imposíbeis aos que temos que asemellarnos e o sistema nútrese desta necesidade para sacar beneficio económico. Son numerosos os produtos de hixiene e cosmética, por exemplo, que se comercializan con distinto prezo en función de se é “para mulleres” ou “para homes”. Coitelas de afeitar, champús, cremas, perfumes… mesma composición e distinto prezo. Única diferenza: a cor. É o que se coñece como a taxa rosa. Atácasenos de novo, clasifícasenos e téntase cobrarnos máis polo simple feito de sermos mulleres.

Hai que ter en conta, alén disto que as mulleres cobramos menos que os homes e somos propietarias tan só do 1% da riqueza mundia, aínda así somos as que máis pagamos polos productos sen xustificarnos nin tan sequera como consumidoras o motivo disto. Deste xeito, créanse novas formas de discriminación disfrazadas, sí, o capitalismo sabe manexar discursos políticamente correctos.

A diferenza de prezo non é o único alarmante ao ollar aos andeis dos comercios. Ofrécesenos produtos que perpetúan os roles de xénero establecidos. Bonecas, cociñas, xogos de perruquería… todo marcado pola cor rosa para as meniñas. A división chega ao absurdo con produtos de todo tipo, mesmo bolígrafos e xogos de mesa.

Mais a opresión sófrese aos dus lados da industria, por unha banda vivimos escravas da moda, dos talles que marcan modelos imposíbeis e dos impostos do capitalismo. E por outra banda, atopámonos cos talleres que producen a roupa que logo se nos anima a consumir, os cales están ateigados de mulleres traballando en condicións completamente precarias. Un caso ben próximo é o dos talleres de Inditex: Amancio Ortega é o home máis rico do mundo – novamente un home o triunfador e o gran beneficiario do capital- . Porén o seu imperio levantouse coa súor de miles de mulleres.

En definitiva, o patriarcado e o capital atácannos con violencia, dun xeito constante, planificado e non sempre percibido por nós. Ataca os nosos corpos e as nosas consciencias. Rebelémonos contra os ditames e modelos impostos. Sexamos mulleres libres e orgullosas. Combatámos ao inimigo sendo conscientes de que existe e da necesidade de derrubar todo este sistema que nos oprime.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *