O continuo silencio do PPdG ante a transfobia. Artigo Alicia Arruti

O Partido Popular de Galiza falou por última vez publicamente (en X) do colectivo trans en 2018, criticando o BNG por non ter «medidas suficientes» para “«empoderar os menores trans nas aulas» referíndose aos anos entre 2005 e 2009. Tempos nos que Ana Pontón defendera no Parlamento Galego que o SERGAS incluíse e sufragase dentro da Carteira de Servizos do Sistema Nacional de Saúde os tratamentos cirúrxicos solicitados por persoas trans, mentres que o PP se dedicaba a manifestarse en contra do matrimonio igualitario.

En 2018 parece que lles interesaba «presumir» de que eles supostamente defendían «máis» os dereitos das persoas trans. Onde quedou o seu suposto compromiso?

Desde Madrid tomaron a dianteira e posiciónanse abertamente promovendo discursos reaccionarios e con Feijoó prometendo a derrogación da chamada Lei Trans, de 2023, o que provocaría unha volta á anterior lei tan patoloxizante dos tempos de 2007, tempos que supostamente criticaba o PP de Galiza. Unha lei que voltaría obrigarnos ás persoas trans a hormonarnos durante dous anos, pasarmos por longos xuízos, ou tamén a obtermos o diagnóstico de disforia de xénero, para ser respectadas ante a lei e vernos recoñecidas no noso documento de identidade.

Unha lei que nos volvería a considerar ás persoas trans como un trastorno mental, cando a propia OMS deixou de clasificarnos de esa maneira.

O PP “de Galicia”, submiso ante Madrid, cala e abandona as suas falsas reivindacións de 2018 e anos anteriores. Onde está a súa critica á deriva actual do seu partido coas persoas trans?

A mocidade trans non podemos depender do silencio eterno de quen nos goberna na Galiza, porque se de verdade lles importásemos, non atrasarían as medidas dese xeito.

Anteriormente presumían das súas vellas medidas, agora calan, aínda que non tanto, porque no parlamento galego cando tratan de responder as críticas mostran o seu verdadeiro «compromiso», como o pasado 20 de novembro, Día Internacional da Memoria Trans, en que unha deputada do PP afirmou que a Lei Trans «fixo dano ás mulleres». O verdadeiro compromiso do seu partido é facer o que lles mandan dende Madrid, incluso se con iso venden os dereitos humanos. Gustaríame saber se Alfonso Rueda está de acordo con esa afirmación, e en caso contrario, por que atrasa continuamente os avances en dereitos das persoas trans galegas.

Fronte ao seu silencio, que denota a defensa da transfobia, nós propomos:

-Actualizar o protocolo educativo da Xunta de Galiza para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero para adaptalo á lei actual de 2023.

-Actualizar e continuar os informes trianuais da lei galega pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galiza, da que levan sen facer informes trianuais sobre a súa aplicación desde 2017.

-Aumentar a formación para o profesorado e persoal sanitario en materia sobre realidade trans.

A mocidade trans e LGBTIQ+ temos que organizarnos para avanzar e non calar ante os atrasos. Continuarmos a saír ás rúas para loitar, mais tamén para defender os dereitos conseguidos, porque a realidade internacional nos demostra que non por termos alcanzado eses dereitos se manteñen para sempre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *