Máis un ano, coas reivindicacións propias do 1.º de maio, desde Galiza Nova alentamos a mocidade traballadora a sindicarse e a formarse en materia laboral. Debemos coñecer os nosos dereitos e facer fronte aos obstáculos do capitalismo mediante a organización colectiva, única solución posíbel.
Hoxe contamos coa Confederación Intersindical Galega (CIG) como referencia nas loitas de clase e nacionais, mais a historia do sindicalismo nacionalista, aínda que tardía no tempo, non se basea sobre esta central exclusivamente. O sindicalismo nacionalista deixou un prolífico ronsel de siglas no último cuarto do século pasado.
En 1973, un grupo de persoas reunidas preto de Pontevea realizan unha xuntanza para asentar as bases da Fronte Obreira (FO) da Unión do Povo Galego (UPG), alí estaban históricos como Manuel Mera ou Xosé González. A UPG decide crear estruturas sindicais que servisen como semente dunha organización de masas autónoma.
O contexto en que se xera a FO está marcado por mobilizacións obreiras masivas, como a folga de 1972 en Vigo, e unha forte represión das forzas do Estado español. Xunto a isto, a atomización da Organización Obreira (OO) e o desleixo de Comisiones Obreras (CCOO) e do Partido Comunista de España (PCE) no referente á cuestión nacional provocou unha imperiosa necesidade de autoorganización para acadar a liberación nacional da Galiza.
A FO estaría baixo a dirección do compañeiro Moncho Reboiras até o seu asasinato en 1975, xogando un papel central como organizador das diferentes accións levadas a cabo en Vigo, Ferrol e A Coruña, dándolle un forte impulso á organización.
Grazas ao forte estado combativo das clases populares galegas, o 1.º de maio de 1975 nacía o Sindicato Obreiro Galego (SOG) centrando os seus esforzos na loita contra a explotación e a soberanía nacional. Desde o SOG, tómase a decisión de desvincularse da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), xerando un intenso debate. Uns puñan o acento no sindicato como forza de vangarda e parte do suxeito político para a liberación nacional e, outros, na necesidade de que fose a matriz dunha central sindical de masas nacionalista, dunha organización de base.
En 1977, desde a dirección do SOG tómase o acordo de unión cos sindicatos de clase galegos e patriotas cos que partillasen un mesmo proxecto de unidade sindical e de liberación da clase traballadora. Fúndase, entón, a lntersindical Nacional Galega (ING) , integrada polo SOG, a UTEG (ensino), o SGTM (mar), a UTSG (sanidade) e a UTBG (banca e aforro). Coa ING comezaba unha nova etapa no sindicalismo nacionalista, aglutinando milleiros de traballadoras que irían tomando consciencia nacional e acabarían incorporándose ás organizacións políticas do movemento nacional-popular galego.
O sindicalismo nacionalista galego sería das poucas forzas no Estado español que resistiron ao Pacto da Moncloa de 1977. Mentres que CCOO e a Unión General de Trabajadores (UGT) comezaron a defender o pacto e a colaboración coa patronal, o sindicalismo nacionalista mantivo o principio de loita de clases. A ING convocaría Xornadas de Loita o ano seguinte para reivindicar dereitos laborais e xerar consciencia política ante unha situación que implicaba a perda de poder adquisitivo nos salarios.
En 1980 referendouse e asinouse, no Quiosco Alfonso da cidade da Coruña, o documento polo que se unificaban a ING e a Central de Traballadores Galegos (CTG), dando lugar á Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG).

Catro anos despois houbo tres paros xerais na Galiza, o primeiro convocado en solitario pola INTG, era a primeira folga xeral galega desde a II República. O sindicalismo nacionalismo aproveitou a convocatoria unitaria de paros comarcais contra a reconversión naval en Ferrol e Vigo estendéndoa por todo o país. Esta convocatoria tivo a oposición frontal de CCOO e UGT, aludindo a que non sería posíbel unha folga de solidariedade pola falla de consciencia política da clase obreira galega. O resultado, aínda que limitado, foi un éxito habendo paros en Vigo, Ferrol, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Compostela.. Isto provocaría unha mudanza na postura das outras centrais, xa que os dous seguintes paros serían convocados unitariamente pola INTG e CCOO.
Da alianza entre a INTG e a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) xorde a CIG tendo lugar o seu congreso fundacional en 1994. Actualmente, a CIG é a primeira forza en representatividade sindical no noso país e estivo presente en numerosas loitas que acadaron resultados positivos para a clase traballadora galega. Algunhas das loitas máis recentes foron a reclamación dunha mellora no convenio das traballadoras da limpeza ou a consecución dun convenio sectorial que aumentaba o salario das dependentas de Inditex.
Nos seus anos de historia, o sindicalismo nacionalista ten levado a cabo unha práctica radicalmente distinta do resto de forzas sindicais estatais, denunciando, en moitas ocasións en solitario, medidas lesivas para a clase traballadora. É crucial o papel do sindicalismo nacionalista para defendermos os nosos dereitos e para loitar por unha estrutura económica ao servizo do pobo galego. As clases populares galegas precisan de mecanismos e ferramentas propias que guíen o proceso de liberación nacional para acadar unha mellora real nas condicións de vida.
VIVA O SINDICALISMO NACIONALISTA!