No día 8 de decembro do pasado ano, facíase noticia a toma de Damasco por parte de grupos rebeldes e islamistas e a consecuente derrota do goberno de Bashar Al-Assad, que partiu cara a Rusia na busca de asilo. Estes grupos rebeldes e islamistas están liderados principalmente pola Haiat Tahrim al-Sham (HTS), unha coalición de grupos xihadistas sucesora da Frente al-Nusra, filial de Al Qaeda na rexión. O propio líder destas faccións terroristas, Mohammed al-Golani, liderou al Qaeda na Siria despois de participar na expansión do Estado Islámico no país. Isto sucedeu após anos de estancamento do conflito. Este feito supón, previsibelmente, un punto de inflexión nos trece anos de guerra civil na Siria.
A situación actual é sumamente complexa, aínda que non menos que en anos anteriores. Porén, desde a prudencia pódense sinalar unha serie de factores claramente implicados neste suceso é que para as internacionalistas galegas supón un motivo de preocupación significativo. En primeiro lugar, o contexto en que se produce esta caída está totalmente marcado pola ocupación do país por potencias estranxeiras. A primeira é Turquía, quen ten invadido o norte do país, equipa e adestra os mencionados rebeldes integristas e bombardea continuamente Siria e especialmente o Curdistán sirio. A segunda é Israel, quen desde hai máis de 40 anos mantén ocupados os Altos do Golán e que actualmente avanza invadindo territorios sirios e masacrando a súa poboación local como aconteceu nas semanas pasadas en aldeas de etnia drusa.
En segundo lugar, é de valorar tamén o papel que xogou historicamente a Siria na defensa da causa palestina, cuestión que non se pode obviar neste contexto en que o novo goberno sirio ten proclamados como maiores inimigos as forzas da resistencia antisionista na rexión. Isto supón, por tanto, un fortalecemento do sionismo, que coa colaboración dos EUA, proxecta o seu anexionismo sobre a nación siria.
Isto lévanos a unha terceira cuestión, que é a situación de subxugación da soberanía nacional siria que o novo marco político parece implicar. Nos últimos anos, a Siria padeceu inúmeras agresións de todo tipo, desde o bloqueo económico até os bombardeos franceses ou o patrocinio externo do terrorismo salafista. Estas agresións semellan incompatíbeis cun futuro de paz e democracia para Siria, pois, se ben esta é a retórica presente nos medios occidentais, non é o obxectivo real que se persegue. A realidade é que Siria é unha peza moi importante no taboleiro dos recursos gasísticos e petroleiros ademais de no plano militar. A existencia dun goberno non plegado aos intereses occidentais a nivel económico e militar nunha rexión de tanta importancia non era permisíbel para os EUA. A «nova» Siria, por tanto, ocupada militarmente e cun emirato patrocinado por Turquía (membro da OTAN) non parece ser en absoluto unha garantía dunha saída democrática e soberana á crise.
En cuarto lugar, a situación dos pobos sen Estado e das minorías étnico-relixiosas da Siria é especialmente preocupante agora, nomeadamente a do pobo curdo, pois un dos obxectivos de Turquía nesta situación é esmagar o soberanismo curdo mediante todo tipo de brutalidades, como bombardeos ou desprazamentos de poboación. Neste sentido, destruír a autonomía curda no noroeste sirio élles central. Na mesma liña, a situación da muller siria, se ben xa era mellorábel, os retrocesos son abismais, sendo sometidas a prácticas brutalmente patriarcais e anulación social.
Dada esta situación, como antiimperialistas galegas é preciso denunciarmos as inxerencias imperialistas contra o pobo sirio e sinalarmos a propaganda que sitúa a Siria como patrocinador do terrorismo como escusa máis para saquear e subxugar os pobos. Neste sentido, cómpre aclarar que, malia todas as lexítimas reivindicacións que o pobo sirio teña manifestado con respecto ao seu antigo réxime, as agresións imperialistas non perseguen ningún fin democrático, senón a desintegración e saqueo da nación; ben como eliminar apoios á causa palestina. Así pois, chamamos o noso pobo á solidariedade co pobo sirio, a denunciar e sinalar a propaganda imperialista e demandamos á comunidade internacional que faga todo o posíbel por construír un futuro de paz e liberdade desde o respecto á autodeterminación das sirias e sirios.