As persoas que estamos comprometidas con causas sociais, con organizacións políticas ou sindicais, dun tempo a esta parte asistimos a un aumento da criminalización pola exhibición de logos e simboloxía propia de organizacións políticas ou sindicatos, aumentando a crítica de xeito exponencial se son de ámbito nacionalista.
As persoas que temos unha implicación activa no tecido social e traballamos para transformar a realidade en que vivimos, somos ferozmente criticadas por amosarmos sen complexos o apoio da nosa organización a algunhas reivindicacións, concentracións ou manifestacións. Mesmo se acada o punto de prohibir que amosemos siglas políticas ou a bandeira da patria galega, baixo o pseudoargumento de non “politizar” o asunto ao que se vai ou se realiza.
Pídese non politizar, sobre todo se o nacionalismo está presente. Pois eu pido que se politice todo, xa que é nas decisións políticas, onde poderemos determinar que Galiza e a calidade de vida dos galegos e galegas vaia por un camiño ou outro.
É realmente curioso como esas persoas que pretenden que nada se “politice”, esquecen interesadamente que moitos problemas teñen solución en decisións políticas, ou acaso termos os salarios ou as pensións máis baixas do Estado español, por poñermos un exemplo, son un castigo divino? Evidentemente non, o problema é a relación de submisión á cal o Estado español nos aboca, negándonos calquera posibilidade de aplicar solucións (decisións políticas) centradas na realidade galega.
Mais imaxinemos que concordamos coa teoría de non politizar nada. A quen lle exiximos unha solución ante as alarmantes taxas de emigración xuvenil que sufre Galiza? A quen lle protestamos por termos maiores listaxes de agarda na sanidade pública ou por termos un empeoramento nos servizos públicos esenciais motivados polos recortes? Como o asunto non se pode “politizar”, teremos que optar pola resignación ou teremos que pedirlle solución e piedade a un deus que nada fará?
Esta regresión súmase a unha xa existente, a de menosprezar a todas aquelas persoas que teñen/temos militancia política nunha organización nacionalista. Pídese non politizar, sobre todo se o nacionalismo está presente. Pois eu pido que se politice todo, xa que é nas decisións políticas, onde poderemos determinar que Galiza e a calidade de vida dos galegos e galegas vaia por un camiño ou outro.
Non deixemos que boten por terra o traballo e o esforzo polo que tantas e tantas persoas loitaron para acadar; a democracia e a liberdade para termos a ideoloxía e pensamento que cadaquén quixer sen restrición de ningún tipo. Non consintamos a volta ao pasado no que ser nacionalista, militar en organizacións políticas, sindicais e estudantís estaba prohibido.
Que ninguén nos roube a liberdade para reivindicarmos o propio, de loitar polo país e de defendermos as nosas ideas. Ergamos pois, con orgullo a nosa bandeira, a galega, a do nacionalismo, a da liberdade.