Non consentir, denunciar e actuar ante os discursos que se lanzan no sistema educativo contra as mulleres e o colectivo LGTBI é o camiño cara a conquista da igualdade e o fin da discriminación.
Nestes días vimos de coñecer a denuncia feita pública por estudantes da Faculdade de Económicas da USC contra un profesor que na última clase exerceu violencia machista contra unha estudante cuspindo desde o seu púlpito frases como: “xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote”, “con ese escote, poste na última fila”, “empéñaste en traer escote ata o embigo”, e ao estudantado acusalo de machista soltou, segundo recolle a denuncia: “se fose machista pegábache unha hostia”.
Esiximos que a USC tome medidas contra este profesor e sexa expulsado da docencia, e que inmediantamente cumpran a solicitude da estudante de cambiar de profesor.
Solidariedade co estudantado encausado.
Galiza Nova denuncia a imputación a tres estudantes por mobilizárense fronte a homofobia presente no noso sistema educativo e en concreto nas aulas da USC. Mediante un escracho ao profesor lgtbifobo Domingo Neira, un cento de estudantes manifestouse contra a súa readmisión tras ser varias veces denunciado polo alumnado a raíz do seu reiterado comportamento nas súas aulas.
Non son de novo os comentarios lgtbiobos e as actitudes machistas do profesor Domingo Neira, que afirmou desde que “a homosexualidade é contaxiosa” até que “os homosexuais carecen de hombría e non poden educar” ou que “as lesbianas teñen un cromosoma XXX que explica o seu comportamento non normal” e que “tanto o dos maricóns como o dos pederastas é unha enfermidade conxénita”.
Toda a nosa solidariedade, por tanto, con tres persoas acusadas por participaren no escracho e a quen se pide cinco meses de cadea. Eis a política represiva do estado español, coa que pretende implantar a doutrina do medo entre a mocidade galega para crear un pobo submiso que non denuncie as inxustizas que se producen na nosa sociedade. Por iso, desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos transmitir toda a nosa solidariedade co estudantado encausado e rexeitar con todas as nosas forzas este tipo de actuacións xudiciais, que nos fan revivir o pleno franquismo.
Lonxe de ser un problema erradicado, a propia semana pasada viviuse na mesma cidade de Compostela unha brutal agresión homófoba. Este é un claro exemplo de que na sociedade heteropatriarcal na que vivimos se alimentan este tipo de delitos de odio dende todos os ámbitos, coma neste caso, o propio ensino público.