Solidariedade co pobo brasileiro: resistencia antifascista

A xornada electoral de onte no Brasil deixa a desalentadora vitoria do ultradereitista Bolsonaro, que acadou máis do 55% dos votos.

Este resultado supón un grave retroceso na loita polos dereitos da clase traballadora e do pobo brasileiro, nun contexto de ofensiva brutal do imperialismo, que tiña como claro obxectivo estratéxico controlar Brasil e que se viu no desenvolvemento dun programa de intensificación dos ataques aos dereitos laborais e sociais, de agresión ás liberdades democráticas individuais e de colectivos marxinados, e que se viu tamén na secuencia que foi desde o golpe de Estado institucional da destitución da Presidenta Dilma Rousseff en 2016 e tamén na prisión e o impedimento da candidatura de Lula da Silva.

Este resultado non se pode analizar illado da campaña a favor de Bolsonaro, baseada en Fake News e redes de publicacións en contra do PT nas redes sociais, e promovida polos medios do sistema a nivel internacional. Son máis que coñecidas por todas as posicións do presidente eleito Bolsonaro en contra das minorías, contra o medio ambiente e as políticas sociais. Veremos nos próximos meses como levan a cabo as súas promesas electorais, desde as privatizacións ata as ameazas de “limpeza” daqueles que “non se adecúen á lei e orde, onde xa temos a deputadas de Bolsonaro chamando ao alumando a que denuncie e filme aos “profesores adoutrinadores” nas aulas, e o vice, xeneral retirado do exército, defende abertamente un golpe militar.

En Galiza Nova saudamos as forzas democráticas e progresistas brasileiras no seu traballo inxente pola candidatura de Fernando Haddad e Manuela D’Ávila en condicións tan difíciles, e mostramos o noso apoio para continuar na loita na defensa da democracia contra a ameaza fascista. Na situación actual, a democracia en Brasil fica en risco, e o panorama internacional máis inseguro para os dereitos dos pobos e da clase traballadora a nivel mundial. Dependerá da capacidade que teñan as forzas progresistas e o pobo brasileiro de resistir e utilizar toda a súa forza para opoñerse aos ataques do novo goberno de ultradereita.

Do mesmo xeito Galiza Nova chamamos á loita antifascista e a solidariedade internacional, nun momento histórico no que a ultradereita avanza a nivel global, as forzas antiimperialistas debemos loitar contra o fascismo e o imperialismo en todas as súas formas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *