SOLIDARIEDADE COAS MULLERES DE VE-LA LUZ EN FOLGA DE FAME!

A violencia machista continúa á orde do día instaurando terror, dor, dominación sobre as mulleres! Mentres, a resposta do goberno do PP é recortar os recursos destinados a garantir a protección das mulleres e das súas crianzas. Así, carécese de orzamentos para o salario de liberdade ou para vivendas para acollida de mulleres vítimas da violencia machista; a Lei Integral de Violencia de Xénero non se está a aplicar por parte dos xulgados nin se poñen en marcha ordes de afastamento posto que non existe orzamento do goberno desde xuño.

vel3En denuncia desta situación e para esixir un sistema de protección real para as mulleres e nen@s vítimas de violencia machista, dez mulleres da Asociación Ve-la luz da Coruña iniciaron unha folga de fame o pasado martes 15 de outubro.
Desde Galiza Nova queremos trasladar todo o noso apoio e forza ás mulleres de Ve-la luz, e esiximos ao goberno a aplicación inmediata de medidas reais para rachar co terrorismo machista.

Só un goberno rancio e fascista, perpetuador golpe a golpe do sistema patriarcal, é quen de recortar até deixar sen axudas tanto ás vítimas como a asociacións de axuda ás mulleres maltratadas, como Ve-la luz. Padecemos un goberno que nega ás mulleres, que nos oprime e nos anula, e que paga a súa frialdade, o seu odio e o seu fascismo, coas mulleres, pretendendo facer de nós obxectos ao servizo do patriarcado e do capital, pretendendo baleirarnos por dentro e desesperanzarnos até o punto de non se poñer na pel das vítimas, que tan só piden xustiza, liberdade e vida digna.

A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova denunciamos a actuación e as políticas de recortes en materia de igualdade e de protección ás vítimas da violencia machista que se están a levar a cabo por parte do PP; e chamamos ás mozas da Galiza a erguer a nosa voz e a nosa forza para demostrar que temos dereitos e que non imos calar, porque non somos marionetas nin obxectos cos que xogar!