Solidariedade coas mulleres kurdas

A Marcha Mundial das Mulleres, organización feminista e anticapitalista, convoca para mañá 9 de xaneiro ás 20:00h diante do Marco en Vigo, unha concentración en solidariedade ás militantes kurdas asasinadas nos últimos anos mentras loitaban pola liberdade do seu pobo.

A data escolleuse en relación aos asasinatos do 9 de xaneiro de 2013 no centro de información do Kurdistán de París, cando o goberno turco tivo que reiniciar as negociacións de paz co diriente kurdo Abudalah Ocalan. Alí atopáronse os corpos de Sakine Cansiz, cofundadora do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Fidan Dogan, membro do Congreso Nacional do Kurdistán, e Leyla Soylemez, militante kurda.

Tamén recordan os asasinatos máis recentes, do 5 de xaneiro de 2016, de Seve Demir, organizadora da posta en marcha da Caravana Feminista para a IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Nusaybin e membra do Partido Democrático das Rexións (BDP), Pakize Nayir, vicepresidenta da Asamblea Popular de Silopi, e Fatma Uyar, membro da Unión de Liberación das Mulleres. Nomean outros ataques coma o secuestro de varias alcaldesas e alcaldes de municipios kurdos e a súa sustitución por administradores non eleitos, así como os peches dos centros de mulleres, os departamentos de política para as mulleres e os longos interrogatorios ás traballadoras de ditos centros.

O conflito do pobo kurdo, asentado en territorios de Turquía ,Iraq, Irán, Siria e Armenia, remóntase á desaparición do Imperio Otomano e creación da República de Turquía nos anos 20, nun contexto onde as potencias imperialistas manexan os territorios de Oriente próximo.

Cunha realidade política complexa, os datos de poboación non poden ser exatos, dada a dispersión e a falla de recoñecemento. Porén, pódese afirmar que forman a minoría máis importante destes territorios, abarcando unha superficie de máis de medio millón de quilómetros cadrados.

Houbo múltiples intentos do pobo kurdo pola súa liberación onde se ergueron e se enfrontaron aos gobernos e a súa propia desaparición, mais actualmente só posúen un ente autonómico no Iraq. Seguen a sufrir unha represión constante, invisibilización, persecucións e masacres por parte de gobernos próximos e potencias occidentais aos que o Kurdistán lles interesa pola súa posición xeoestratéxica e a riquexa en petróleo.

Este é un caso máis de conflito pola liberación e autodeterminación dun pobo no que as mulleres teñen un papel esencial. O YPJ (Unidade Feminina de Protección) integrado no brazo armado do PYD xunto co YPG, e afiliado ao PKK, é un claro exemplo de combatentes kurdas defendendo a cidade de Kobanê onde os medios internacionais tiveron posto o foco de atención. Mais as kurdas xa estaban no escenario político e na loita armada antes da batalla de Kobanê, e rachan totalmente coa imaxe estereotipada, amábel, sorrinte e simplista que mostran os medios de comunicación.

No ano 1919 constituiuse a primeira asociación de mulleres kurdas, chamada Sociedade para o Progreso das Mulleres Kurdas en Estambul, participando algunhas delas nas revoltas da primeira metade do século XX.  Máis tarde, en 1995 fundouse, por iniciativa do PKK, o YJAK (Unión de Mulleres Libres do Kurdistán) no primeiro Congreso Nacional de Mulleres, convertíndose así na primeira organización militar-política das mulleres kurdas.

No plano institucional, foi no 1990 a primeira vez que unha kurda foi escollida parlamentaria, pronunciando o mensaxe de xuramento do cargo en kurdo, o que lle custou unha condea de once anos de prisión. Leyla Zana, como se chamaba esta parlamentaria, marcou o comezo dun novo periodo de activismo das mulleres e o posterior aumento da implicación na loita armada até a actualidade.

As mulleres kurdas veñen mostrando tamén un exemplo de solidariedade, por iso nós debemos poñer tamén a nosa cara máis internacionalista cos pobos que loitan e coa emancipación das mulleres de todo o mundo, e animamos a toda a sociedade a que acuda á concentración convocada para mañá pola Marcha Mundial das Mulleres.

Nesta loita continuada, Kurdistán vencerá!