Desde Galiza Nova queremos trasladar a nosa solidariedade coas cinco persoas que están a ser xulgadas pola súa actividade política no seo de Askapena. Aliás, amosamos o noso rexeitamento á petición de ilegalización da devandita organización internacionalista. Ao longo dos seus 27 anos de existencia Askapena veu traballando a prol da solidariedade entre os pobos.
Neste senso, o xuízo iniciado e a petición de ilegalización non pode entenderse máis que como un novo xulgamento politico que visa perseguir e punir -sob petición de 6 anos de cadea para cada unha delas- o movemento internacionalista basco. O Estado español, afanado en reprimir calquera expresión –libre e democrática– a prol da soberanía dos pobos e do dereito destes a decidiren sobre o seu futuro, vén a amosar máis unha vez as súas ansias de vinganza fronte ao proceso de normalización política iniciado en Euskal Herria en 2011.
Porén, estamos certas de que ningún xuízo poderá frear a vontade do pobo basco e, ao contrario das pretensións españolas, o movemento popular continuará avanzando cara á unha Euskal Herria libre e soberana.
Gora Euskal Herria Askatuta!
Viva a solidariedade internacionalista!