Nas últimas semanas puidemos presenciar un novo recrudecemento da violencia exercida contra o pobo palestiniano. No seu afán por levar a cabo unha limpeza étnica na cidade de Xerusalén, o goberno Israelí iniciou os trámites para expulsar a 10 familias árabes das súas vivendas para ceder as mesmas a colonos xudeus. Isto ocorre no bairro de Sheikh Jarrah en Xerusalén Este, cidade que o pobo palestiniano pretende erixir como capital do seu estado independente, polo que estas expulsións son especialmente recoñecidas como unha provocación por parte de Israel.
Esta nova ofensiva foi contestada polo pobo palestiniano con protestas que foron duramente reprimidas por parte das forzas de ocupación isralíes. Un dos episodios de violencia máis graves tivo lugar o pasado venres, día de especial celebración para o credo musulmán posto que supón o fin do mes de Ramadán. Despois de realizar os seus ritos relixiosos na mesquita de Al-Aqsa, terceiro lugar de culto máis importante dentro da relixión islámica, numerosas persoas ficaron no edificio protestando pola expulsión das familias palestinianas.
O goberno de israel respondeu ás protestas cunha gran violencia deixando máis de 200 persoas feridas, 15 das cales perderon a visión nun ollo, e deixando a moitas das vítimas encerradas na mesquita sen posibilidade de atención médica. Porén, a situación non faría máis que empeorar durante a fin de semana. Coa excusa de estar respondendo ao lanzamento dun misil por parte de Hamás, o exército israelí bombardeou de novo a franxa de Gaza, deixando ao seu paso máis de 20 mortos, polo menos 9 deles crianzas.
É inadmisible que a comunidade internacional fique calada mentres se está a producir un xenocidio diante dos nosos ollos. Desde Galiza Nova chamamos a todo o pobo galego a denunciar esta violencia e amosar o seu apoio ao pobo palestiniano.
Viva Palestina libre!
Palestina Vencerá!