SOMOS UNHA NACIÓN

Nun novo 6 de decembro, 43 anos despois da culminación da mal chamada “transición democrática”, dende Galiza Nova denunciamos unha vez máis como a aprobación da Constitución Española deu continuación ao réxime franquista instaurando o Reino de España tal e como o coñecemos agora.
Desde 1978 ata o día de hoxe vemos como sigue vixente o carácter antidemocrático irreformable do Estado Español, onde os seus dirixentes manteñen o marco legal idóneo para limitar os dereitos e as liberdades das persoas de todos os pobos.
O nacionalismo galego estivo, e segue estando a día de hoxe, en contra dunha constitución herdeira do franquismo, que nos nega como nación e que se emprega como arma para reprimir calquera movemento popular que loite pola liberade.
Desde Galiza Nova constatamos cada día como a Constitución española non serve para resolver os problemas do noso país e moito menos da mocidade galega, porque a soberanía é a chave para a conquista da Galiza pola que loitamos e á que temos dereito como pobo.
Debemos polo tanto saír á rúa para defender o noso dereito a vivir en democracia, a existir como nación e a rachar co réxime do 78 na conquista dunha Galiza dona de si como única solución aos problemas estruturais da mocidade galega. Unha República Galega da que non teñamos que emigrar, na que podamos vivir dignamente e que rache coa podremia do Estado español.
Dende Galiza Nova animamos a toda a mocidade a participar no acto convocado este 6 de decembro polo Bloque Nacionalista Galego lembrando que somos unha nación viva, con futuro e cun pobo con vontade de estar dende si no mundo, pois 43 anos despois non temos nada que celebrar pero si moito que reivindicar.
Fronte a constitución española, República Galega!