Sororidade coas compañeiras arxentinas na loita pola legalización do aborto

Hoxe o Senado de Arxentina rexeitou o proxecto de lei que buscaba despenalizar o aborto até a semana 14 de xestación, despois de que o texto da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo fora aprobado o 14 de xuño pola Cámara de Deputados.

Tras anos de loitas do movemento feminista, históricas mobilizacións e o logro de que o debate volvese estar sobre a mesa, a lei do aborto non puido pasar a última e definitiva fase parlamentaria. Logo de 16 horas de debate, e con 31 votos a favor, 38 en contra e dúas abstencións, nun total de 72 escanos, Arxentina fica dividida entre as dúas posturas, coa Igrexa Católica e Evanxélica e outros grupos conservadores facendo brutais presións no sector antilegalización, impedindo que se converta no terceiro país de América Latina onde a interrupción voluntaria do embarazo é legal.

As cifras estiman que na Arxentina:

  • Realízanse a día de hoxe ente 370000 e 520000 abortos por ano.
  • No 2016 faleceron 245 mulleres embarazadas, o 17% por causa dun aborto.
  • Desde o 1983 faleceron 3030 mulleres por abortos inseguros.
  • No 2013 ingresaron 49000 mulleres en hospitais públicos por problemas relacionados co aborto.

Aínda nese contexto, e sabendo que a aplicación desta lei é unha débeda coa xustiza social, xa non de vangarda nin superadora como poden ser outras, e que detrás desa ilegalidade hai moitas mortas, estes días escoitáronse intervencións do calibre de “Algunos casos de la violación no tienen esa idea clásica de violación. En el abuso intrafamiliar no se puede hablar de violencia, pero tampoco de consentimiento, es una cuestión de subordinación.” da man de Rodolfo Urtubey do Partido Justicialista.

E así, a interrupción do embarazo mantense coma un delito penado con cárcere mentras que cada minuto as mulleres das clases populares e con menos recursos abortan en condicións de risco, de clandestinidade e con métodos perigosos. Mentras que os que fan chamamentos a loitar “polas dúas vidas” non garante os dereitos para ningunha das dúas, mais si para garantir o control da sexualidade, da saúde e das vidas das mulleres baixo unhas institucións que o amparan.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova mandamos forza e sororidade ao movemento feminista arxentino que vén de facer historia e camiño para que o dereito a decidir sobre os seus corpos sexa lei.

Sen aborto legal non hai “nin unha menos”!

Polo dereito ao aborto libre, gratuíto e seguro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *