“Abonda xa da ilusión de que os problemas do mundo se poden resolver con armas nucleares. As bombas poderán matar aos famentos, aos enfermos e aos ignorantes, pero non poden matar a fame, as enfermidades nin a ignorancia.”
Comandante Fidel Castro, 1979.
É normal o gasto de miles de millóns de euros en armamento mentres a vida diaria das clases populares se converte nunha carreira de obstáculos pola supervivencia? Esta é a pregunta incómoda que o sistema quere agochar, pero que nós, como internacionalistas, debemos pór sobre a mesa.
Cando se analiza o destino dos fondos públicos, a propaganda choca frontalmente cos datos: e é que, mentres se asinan contratos armamentísticos multimilionarios, os dereitos máis básicos das clases populares transfórmanse nunha auténtica lotaría.
A desconexión entre as necesidades a pé de rúa e as decisións institucionais mídese en cartos. A autorización para a compra de catro baterías de mísiles Patriot por un valor de 2.600 millóns de euros no ano 2023 contrasta de maneira obscena cos apenas 200 millóns destinados ás axudas para a emancipación xuvenil nese mesmo ano, todo baixo o paraugas do chamado “goberno máis progresista da historia”. Cunha diferenza de 2.400 millóns de euros, o que deixa claro o Estado español é que un mísil é unha prioridade, mentres que garantir un teito digno para a mocidade queda reducido a un “bono alugueiro” que non chega nin ao 1% da xente nova.
Esta priorización do gasto militar non é un feito illado, senón unha tendencia estrutural que coincide co empobrecemento do noso pobo. Entre os anos 2015 e 2025, o prezo medio do aluguer na Galiza sufriu un incremento dun 65%. Namentres, nese mesmo período, o gasto militar estatal aumentou un 120%, seguindo desde Madrid as directrices de rearme e submisión ditadas polo imperialismo ianque desde Washington. Nós afrontamos a carestía da vida, a inflación e a precariedade, mentres os consellos de administración do oligopolio armamentístico baten récords de beneficios.
E como pode ser que non exista uma maior contestación social cara a este processo? Noutros casos, as rebaixas nos dereitos sociais son denunciadas masivamente mesmo por aqueles que forman parte do sistema, mais no caso do gasto militar existe unha área gris de complicidade e aceptación que para nós ten unha explicación clara. Para facer aceptábel este transvase masivo de recursos cara á industria da guerra, Occidente leva anos construíndo unha narrativa do medo, un relato baseado en ameazas pantasma, líderes políticos pintados coma tolos incontrolábeis e inimigos externos moi perigosos, co obxectivo de que o pobo asuma como lóxica unha escalada bélica inxustificábel.
Esta estratexia serve de pantalla para normalizar situacións extremas, dende o aliñamento con sancións e bloqueos económicos criminais que asfixian a pobos soberanos como o de Cuba, ata a complicidade, por omisión ou por mantemento de relacións comerciais e diplomáticas, con estados que executan verdadeiras limpezas étnicas, como é o caso do xenocidio do pobo palestino a mans do Estado sionista e ilexítimo de Israel. Todo por manter unha “paz mundial” que, se preguntamos aos pobos que sofren as inxerencias do imperio, dista moito da definición de paz de calquera dicionario.
Por esta realidade que nos toca vivir, o noso antimilitarismo non pode entenderse como un simple pacifismo moral, abstracto, nin como un eslogan baleiro de “non á guerra”. Nós somos pacifistas, si, pero por unha cuestión de supervivencia material e sobre todo, de coherencia internacionalista. A solidariedade internacional no se mide con declaracións retóricas de preocupación nos foros da ONU, senón con feitos concretos como o embargo total de armas ao sionismo e o cese de calquera tipo de relación comercial coas empresas que obteñen beneficios da industria da guerra.
Fronte a isto, hai quen quere perverter o noso discurso, hai quen quere que o nacionalismo defenda algo diferente para ter razón nas súas ideas preconceitas sobre nós. Pero nós non caemos nesa trampa. A mocidade nacionalista organizada nin defende nin defendeu nunca a industria militar, o que queremos é o control do noso tecido produtivo. Reivindicamos unha Navantia civil. Queremos que as nosas mans expertas constrúan barcos para a pesca, aeroxeradores ou tecnoloxía para desenvolvemento humano. Non queremos ser o taller de reparacións da OTAN nin a fábrica de fragatas que acabarán bombardeando o Iemen ou calquera outro país que non se axeonlle ante o imperio.
Mentres tanto, no Estado español a realidade do belicismo presenta unha dobre cara. Por un lado, o goberno central asume as directrices do imperialismo ianque e colabora activamente na escalada bélica no exterior, polo outro, a nivel interno, utiliza as estruturas militares cun obxectivo propagandístico e de control ideolóxico. As forzas armadas, especialmente nas nacións sen estado, operan como un axente máis de asimilación españolista, de desarticulación nacional e de control do pensamento crítico.
Empréganse corpos militares para tarefas que deberan corresponder a servizos públicos civís que sofren unha precariedade brutal (como a extinción dos lumes forestais que cada verán asolan os nosos montes) co único propósito de branquexar a imaxe das forzas represivas do réxime.
Esta estratexia de asimilación esténdese coa ocupación de espazos públicos e con visitas programadas a escolas e institutos, tal e como puidemos ver nos pasados meses na comarca de Lugo Sul. Espazos educativos nos que o exército é presentado non só como unha institution necesaria, senón como unha opción laboral desexábel para unha mocidade consciente da precariedade que rodea o seu futuro. Queren aproveitar a situación de inestabilidade e inseguridade á que nos condenan para forzarnos a formar parte do seu xogo e así condicionar á mocidade do noso país para que sexamos, novamente, carne de canón para os intereses belicistas do imperialismo.
Fronte a esta deriva militarista, a mocidade nacionalista galega ten un papel determinante como vangarda na loita polo futuro do noso pobo. Non se trata de asumir unha postura crítica pasiva, senón de sementar conciencia nacional, confrontando activamente a propaganda belicista do Estado, da Unión Europea e da OTAN. A loita contra a guerra é a loita pola nosa soberanía nacional. A mocidade organizada é e será sempre, o dique de contención máis sólido fronte ao españolismo e o belicismo.
