A principal problemática da mocidade galega é a precariedade laboral, o desemprego e a emigración. Os últimos datos da EPA amosan que precisamos gobernarnos nós mesmas, en beneficio do noso pobo, pois estamos fartas de ollar coma un País rico como a Galiza continúa a liderar a destrución de emprego, mentres en España suben as contratacións.
Pasamos así de termos 225.158 persoas rexistradas no desemprego no mes de outubro a aumentarse en novembro en 3.066 persoas (un 1,38%). Namentres, en España o número de parad@s descende en máis de 27.000.
É de vergoña que Feijóo alardee de que co PP está a acabar a crise, cando hai máis de 98.000 persoas que ficaron no desemprego e que non cobran prestación ningunha. Feijóo e as políticas deseñadas en Madrid polas forzas españolas non están a acabar a crise, todo o contrario, levaron a Galiza a unha brutal crise económica e poboacional, enviando ao éxodo a máis de 147.200 persoas, a mioría mozas, desde a chegada de Feijóo, que buscan posibilidades de vida digna alén do noso País.
Ademais de baixaren as contatacións, os contratos á mocidade son de carácter temporal, con contratos por días e mesmo por horas. A inmensa totalidade dos contratos realizados ao longo deste ano na Galiza son temporais!!
En concreto, a cifra de contratos acumulados na Galiza son 741.118, dos que máis 92% son de carácter temporal. Así o indicaron os datos do paro rexistrado relativos ao mes de outubro, feitos públicos polo Ministerio de Traballo español, que continúan a amosar como padecemos as consecuencias da dependencia de España en materia de emprego.
No noso país, 5 de cada dez persoas mozas non teñen traballo, e as que o teñen perciben salarios que non lles garanten vivir dignamente. A pouca poboación galega que queda con emprego traballa máis horas que a media española e, pola contra, os salarios na Galiza caen ata seren os máis baixos do estado mentres en España suben.
Ante estas cifras, dende Galiza Nova observamos que o terrorismo laboral do Partido Popular crece descontroladamente e sen visos de solución pola súa parte. Mais a solución está na nosa man, e ese ten que ser o impulso para que nos empoderemos, que nos rebelemos para decidirmos o noso propio futuro e construír unha Galiza na que o traballo sexa digno, con dereitos e na terra.